viernes, 24 de mayo de 2019

Entrevista - campaña electoral VI - candidatura Betanzos en Común

   Xa chegamos á derradeira entrevista da serie adicada ao Pasatempo na futura acción política. Os próximos catro anos de política municipal, dun xeito ou doutro, serán claves no futuro do Parque. Outra vez toca reunirse cun coñecido, Alberte Muiño, o concelleiro de Betanzos en Común nesta lexislatura que se esgota. A paixón que Alberte amosou dende o primeiro día polo Parque fíxome compartir con el charlas centradas máis na propia Horta de Don Juan que en temas políticos, agora xa solucionamos ese punto.




  ·  Cal é o teu primeiro recordo do Pasatempo?
A: Dentro da parte das covas, sendo xa maior. Debaixo, estando todo limpo, lembro que quedaba o muro exterior e a parte da entrada sen a cerca do parque de Armuño. Lembro a "Casa Taquilla" en pé. Por detrás iamos a unha ponte pequena que había, que sería parte do Pasatempo, imaxínome. Por debaixo pasaba un regacho onde se pillaban angulas, ou algo así. Pero o recordo, recordo, é coa miña nai indo ao circo que se localizaba alí cerca, anexo ao vello Pasatempo. Ela mercoume a típica bandeiriña de circo onde estaban debuxados un elefante e uns pallasetes. Moi chulos, eran arte, non coma os modernos. Recordo ir andando e a miña nai subiume á estatua dos irmáns. Jesús xa tiña o dedo roto, e deixeille alí a bandeira. A miña nai non me dixo nada, nin sabía quenes eran. Quizais é o recordo de máis neno, tería seis anos, ao mellor. Indo á escola tamén recordo ver todo cheo de maleza, os Papas tapados, a casa chinesa cunha parte sobresaíndo. Daba medo, parecía un pantano. Sempre nos dicían que non entrásemos, pola auga.
Ah! O meu avó traballou no parque. Coma moitos labregos foi traballar nas temporadas en que menos carga de traballo había no campo. Alí aprendeu a enxertar. Ensináronlle traballos de xardinería, a enxeñería xenética da época.

  ·  Fai canto que non vas a visitalo?
A: Dende que pechou nada. O verán pasado fomos co club Harley Davidson.


  ·  Sabías que este muro estaba aquí?
A: Si. Todos os da miña idade o recordan, subiámonos a el a miúdo.

Arquivo da Asociación das Amigas do Pasatempo


  ·  E este outro fragmento de muro?
A: Pertenceu á fachada da "Casa Taquilla"
  ·  Ou á dos Espellos, a fachada era igual ou case. Dinnos que é da dos Espellos, a saber.


Arquivo da Asociación das Amigas do Pasatempo

  ·  Sabias que este muro estaba aquí?
A: Si. Non entendo como podendo mantelo no sitio fixeron isto. Pero decidiuse usar a maquinaria con todo, era o xeito dos Lagares. Como co Asilo, derribalo e meter esa costa, que é un atentado contra a mobilidade...

Fotografía de Loty

  ·  Logo, na parte baixa temos resistindo tamén á fonte das Catro Estacións e á Caridade, en torno a ambas había un auténtico bosque. O contraste co secarral actual é terrible.

  ·  Que opinión tes das políticas levadas a cabo no Parque dende que é propiedade municipal?
A: Fíxose política ou xogouse con intereses? Facer política é algo máis. Para min é facer unha liña que seguir ao longo de tempo. Neste caso, que se recupere, que se explote para o interese de Betanzos e que se manteña. Cando te limitas a ser un conxunto de intereses, o parque non che interesa. Colocas unha parte bonita e do resto dis que está feito unha merda, e fas unha especulación urbanística ao tolo, que se freou, pero tarde e mal. Por sorte non se chegou a edificar, e agora co que se está movendo non se fará nada, pero xa se perdeu o Pasatempo.
Cando nace a Xunta debeuse facer que algo tan especial coma todo o do parque fora levado polas dúas administracións. Agora temos que apandar os betanceiros para que se restaure, e logo que se vai facer? Mal ou ben vaise amañar, aí estades vós metendo presión, pero, e para mantelo? Ponlle que fagan falta máis de 100.000 € ou 140.000 € ao ano. Vainos poñer o concello? Está capacitado? Necesitamos á Xunta por detrás para facer fronte a isto. Outros lugares sacaron proveito das axudas europeas. Aquí, na época dos Lagares, non se pediu nin unha. Fixéronse cousiñas para colocar como deuses aos Lagares, e por outro lado arramplando e escangallando o patrimonio de Betanzos. Pasou co Asilo dos García Naveira, a Casa do Pobo, o propio Pasatempo, a Capela de San Roque. En que oñutra cidade quitas a capela ao santo e non pasa nada? Noutro sitio morrería xente, como diría o outro. Aquí vendeuse a un banco, ao santo púxoselle en Santo Domingo e san Deus, acabouse. Fomos un pobo moi domesticable, dinnos onde está a bola e miramos á bola. Agora hai movemento veciñal, pero daquela eran outros tempos.
Cando en Allariz estaban facendo marabillas aquí estabamos facendo maldades. Nuns sitios hai un anxo e noutros un diaño.

  ·  Que opinión vos merece a demolición do estanque dos Papas?
A: Unha barbaridade. Eu non fun consciente daquela, era un cativo, hoxe en día sería o primeiro en poñerme diante das máquinas e non permitir que se fixera. Foi a época, foi o que foi. Non son consciente de por que se fixo iso.
   · No expediente do BIC ábrense as portas a escavacións arqueolóxicas na zona baixa do parque. É algo que non se contemplará no proxecto de restauración no que se está a traballar. Como contemplades traballos deste tipo?
A: Que se faga un estadio sobre os Papas... Esa escavación é interesante que se faga, eu en Betanzos faría as dos castros. Non vaiamos a escritos romanos para coñecernos, fagamos traballos arqueolóxicos, pero é que Betanzos non ten capacidade económica para sustentar todo o que ten. Esperemos que non veñan os do museo británico a levalo todo.


Arquivo da Asociación das Amigas do Pasatempo

  ·  Betanzos en Común apiou a restauración da pasarela (no 2017), vivimos tres fases respecto á mesma.
1 Primeiro unha opinión boa xeral sobre a mesma ata que en marzo de 2017 vense abaixo o relevo do Estanque da Gruta.
2 Falan concello e arquitecto (Fernández-Albalat) que a diseñou, este indicou que se trataba de “parte del conjunto y uno de los símbolos de la parte moderna del parque” (ENLACE), isto levou a que se reformulasen mantela, curioso porque non se comunicara nunca unha opción diferente.
3 Finalmente, na mesma entrevista, fala dun cambio dos soportes da mesma: “ Independientemente de que más adelante se plantee la posibilidad de modificar los apoyos para evitar el contacto de una de las bases con el espacio histórico de El Pasatiempo.”
A: Había unha proposta. Supostamente falouse cos técnicos e dixeron que se podía executar. Fomos prácticos como grupo. Non hai acceso ao Pasatempo como tal, está rodeado por unha rúa bastante transitada.
   ·E as portas de arriba?
A: Xeraría un tránsito de xente que non se podería asumir.
   · Hai un paso de cebra e a zona está limitada a 40.
A: Sería moita xente pasando por aí, por que non quitamos a estrada? Sería o máis práctico e lóxico. E se tamén quitamos o auditorio sería para botar bombas. Facer outro máis pequeniño e cuberto e unir as dúas partes do parque cunha zona axardinada. Eu son pragmático. Coruña fai iso na Marina e está moi ben, pero aquí ou axuda un ministerio ou non sería viable. Cambiar o tráfico a outras estradas igual non é viable. A nosa idea é que desapareza esa estrada e conectar o Pasatempo de forma natural, como estivo sempre. Hai que buscar a forma de que a pasarela non non apoie onde apoia, tamén o vemos así, e queremos que se retire o resto da pasarela, que quede só a parte que enlaza co parque de forma eventual para ter ese acceso.
   · Haberá cambios de apoios no proxecto, como dixo o concelleiro?
A: Non sabemos nada.

   · Cren que o arquitecto encargado de xestar este elemento sumamente agresivo, como indica o informe do BIC realizado por técnicos de patrimonio, ía tirar pedras contra o seu propio tellado?
A: Eu non podo dicir nada do arquitecto, pero non creo que poida ser icónico. Esa pasarela é un esperpento, de diante a detrás. É para tirala á chatarra toda, a poder ser. En canto á proposta técnica, na miña empresa hai técnicos que darían mil formas de solucionar esa pasarela sen que toque en ningún lado.

  ·  As fotos antigas do parque amósannos as terrazas superiores case libres de árbores. Actualmente a vexetación oculta moitos elementos. Que pensades ao respecto?
A: Xa non entremos en que historicamente non é correcto, nin en que arquitectonicamente é un perigo. Deixemos iso de lado. A quen carallo se lle ocorre, cos murais que temos no Pasatempo, meter unhas árbores que os tapan completamente? O lóxico sería un xardín baixo que permitira estar no medio e contemplar toda a obra, a viaxe a Exipto, por exemplo. Agora para velos hai que acercarse. O León Colosal que debería presidir o Pasatempo e verse desde debaixo está desaparecido.


  ·  É natural que certos técnicos acaden de novo responsabilidades nas obras de restauración? Nos 80/90 dirixindo un taller das polémicas e xulgadas escolas taller, dirixindo a Aula da natureza, en obras de mantemento, no famoso informe do 2016. Sempre a mesma persoa.
A: Témolo falado algunha vez. Eu non o coñezo. Asumo que é certo o que comentas, pero non é raro, é o mesmo que en todo o concello de Betanzos desde sempre. Non funciona o Pasatempo así, foi todo o concello, o problema do persoal, do RPT. E foi sempre así en Betanzos. Cando entrou o BNG reconducimos as cousas para ben. Daquela fixemos que xa ninguén entrase a dedo. Dende aquela hai que entrar por concurso oposición. Xa se encargarán eles de privatizar e amañar para meter á xente. Non digo que agora se faga, pero así é máis fácil.

  ·  Que propostas presentou Betanzos en Común a pleno relativas ao Pasatempo??
A: Simplemente apoiamos os rozamentos co Pasatempo por diante. Dende o primeiro momento falouse del nas nosas intervencións, incluso cando non se falaba do tema, e do Asilo, desas barbaridades urbanísticas tirando cousas.
Volvendo ao tema, sempre empuxamos para ter partida orzamentaria para o parque. Cada dous plenos falábase do Pasatempo. Entendo e respecto que outros grupos presenten seis veces a mesma moción, pero de aprobarse unha e non facerse, négome a levala de novo, asumo o que hai. É só finxir. Véndense ben, son propostas lóxicas, pero que non sairán adiante. Nós exercemos presión, pero non queremos repetir, insistir. Non o fas? Xa buscaremos a forma de facelo. Quince veces mocións para algo que non sae, non. Nós poñemos liñas vermellas para orzamentos ou para o do BIC.

  ·  Cales serían os pasos que daría Betanzos en Común para restaurar e recuperalo Pasatempo?
A: Agora mesmo asegurar a aportación da Xunta e restauralo, quizais por terrazas, para que se poida visitar, na medida do posible. Nós temos na cabeza empezar a traballar xa no que está feito, o tema da pasarela, da estrada, e empezar a facer un plan coas tres administracións para que nos próximos anos exista unha cuadrilla que traballe no parque, no mantemento e en certos labores de control.

   · Como valora a xestión do goberno municipal na última lexislatura en todo o relacionado co Pasatempo?
A: Parsimonia. Si, eu quero, pero al tratran.

  ·  Ve xustificado que o Parque se atope cerrado a día de hoxe? Permitiríades a entrada salvagardando a zona do estanque como xa se fixo co derrubamento do 2017 no outro estanque? 
A: Que intereses hai en tapalo? 800 aniversario, que é, para os seus partidarios, pancartas e edificios públicos cheos de logos. O Pasatempo non interesa, é a parte do foco das eleccións que dá a imaxe da desgraza. Que non se vexa.

  ·  Cres que estamos sendo respectuosos co legado dos García Naveira?
A: En toda a entrevista xa viches o que opino. Alguén que fixo tanto por Betanzos, a infancia toda escolarizada na zona, comendo se o necesitaban nas escolas, que ofrece un edificio para o sindicalista, con ese sentimento republicano... Igual parte de aí o feito de que non se lles valorara, a masonería tamén.

  ·  Coñecedes os proxectos urbanísticos O Pasatempo, García Naveira ou Dona Águeda?
A: Si. Dígoche algo da casa de Dona Águeda. A primeira barbaridade foi o feito de tirala. Por respecto, o concello de Betanzos tiña que mercala e facer un centro social. O xardín mantívose, foi por un tempo o bar Bananas, pero tirouse para facer todas esas casas. En Betanzos, en lugar de expandirse cara ao exterior, colléronse certos elementos urbanísticos importantísimos, tiráronse e construíuse enriba.

   · Que outros plans dos que non teñamos falado xa, tedes na vosa candidatura para o Parque?
A: Mantemento e volver a ter na parte baixa contido enciclopédico. Sacar ese obxecto de ferro e gañar espazo. Propostas coma a do Museo Xurásico de Asturias, cun exterior que é unha pasada. Facer algo didáctico e innovador.


   · Preguntamos porque seguimos sen respostas, e somos xente curiosa. Sabedes quen mandou achicar o estanque do Retiro? Sabedes se dende o concello ou Patrimonio puxeron en marcha algún tipo de investigación?
A: Eu non sei nada, eu non son do goberno, imaxino que se o fixeron é porque algún técnico lles dixo que había que facelo. Se alguén o fixo sen a firma dun técnico sería un tío temerario. Se non dás a orde, como concelleiro dis que non a deches e punto. Eu tamén imaxino que habería que baleirar para arranxalo, pero tamén imaxino que antes de baleirar habería que asegurar con sacos.


Gracias a Ángel por axudar coas preguntas, a CatuOscarLucía Noelia polas correcións.
A Alberte pola amabilidade e pola paciente espera.

No hay comentarios:

Publicar un comentario