jueves, 23 de mayo de 2019

Entrevista - campaña electoral III - candidatura Podemos

   A segunda entrevista fixémoslla á xente de Podemos. Quedamos na parte nova do parque para poder visitar elementos da zona baixa dos que falamos máis tarde. Acuden á cita: Noelia Pedreira, número un do partido morado, Adrián Fernández, no número catro, e Maite Peteiro, oitava nunha lista encabezada por tres mulleres. Con Noelia xa tiñamos coincidido nalgunha ocasión e Maite foi unha das moitas voluntarias que axudou a facer unha das primerias (e máis importantes) actividades de limpeza no parque, un pracer atopar na política a xente que se coñece de traballos propios do voluntariado. Desagradecidos, non publicitados e moi, moi necesarios, como foi o caso.




  ·   Cal é o voso primeiro recordo do Pasatempo?
N: Vir os domingos pola tarde cos meus pais e o meu irmán a ver os paxaros da zona da entrada, levabamos pipas e dábasmoslles de comer. Logo iamos ás covas (moita xente de Betanzos chámalle á parte das terrazas “as covas”) onde pasabamos toda a tarde, son recordos que se che quedan gravados e que eu non podo facer agora cos meus fillos.
A: Eu rebentar as xeonllos nos tobogáns, inda había gravilla. En canto os nosos pais non vixiaban iamos á parte dos maiores, ás covas.
M: Perderme nas covas, non son moitas e apréndense pronto, pero nunca saía por onde quería. Tamén o León e o antigo mirador coas vistas que tiña.

   ·   Fai canto que non ides a visitalo?
N: Penso que o verán do 2017 cos meus sobriños. Sempre os levo, pero as últimas veces fun con certo medo pola súa seguridade. Ademais ver o que había cando era pequena e velo agora dáme dor de corazón.
M: O verán pasado, viñen cuns amigos que querían coñecer o Pasatempo e atopamos a unha rapaza voluntaria que nos fixo unha visita guiada e explicounos todo.
A: Eu o ano pasado coa miña moza, ensinándolle e explicándolle todo.

Arquivo da Asociación das Amigas do Pasatempo

   ·   Sabedes que estaba aí o muro entre a piscina e o polideportivo?
N: Si, que o muro estaba aí si, pero non sabía que formara parte do Pasatempo ata que no lo dixeras na reunión onde nos coñecimos (comezos do 2017).
M: Eu vexo agora que, claro, non ten nada que ver co que o rodea.


Arquivo da Asociación das Amigas do Pasatempo


   ·   E este outro?
N: Si. Cando caeu parte do muro do estanque viñen con xente de Podemos para ver os restos e vímolo. Denunciámolo en redes no seu momento, é incrible que siga estando igual.
   ·   Parte da antiga Casa dos Espellos polo que sabemos.
A: Eu sabía o do muro pero non o situaba, véndoo é inda máis impactante, ao lado do baño, un concepto inda máis escuro.

Fotografía de Loty

  ·  Logo, na parte baixa temos resistindo tamén á fonte das Catro Estacións e á Caridade, en torno a ambas había un auténtico bosque. O contraste co secarral actual é terrible.

   ·   Que opinión tedes das políticas levadas a cabo no parque dende que é propiedade municipal?
N: Que políticas? (di Noelia cargada de ironía) Non sei os motivos, pero non hai interese en conservar o Pasatempo, paréceme unha evidencia. Díxose varias veces que estaba solicitado o BIC e parece que se foron atrasando as cousas por algún interese que se nos escapa, podemos sospeitalo, pero escápasenos. Ningún dos partidos que gobernou realizou un proxecto para fomentar e potenciar o Pasatempo e é algo que hai que facer xa. Non se pode atrasar máis.
M: Tense falado de que vós como asociación sodes un regalo, todo o traballo que levades feito é unha ferramenta, como non se aproveita? Por que non vos dan pe a facer un traballo conxunto?
N: O Pasatempo tería que ter un consenso de todos, sentarnos e falar entre todos.

  ·  Que opinión vos merece a demolición do estanque dos Papas? No expediente do BIC ábrense as portas a excavacións arqueolóxicas na zona baixa do Parque, é algo que non se contemplará no proxecto de restauración no que se está a traballar, como contemplades traballos deste tipo?
N:Estar de acordo é imposible. Que fora factible e viable ter o estanque inda... Todo por facer o campo de fútbol? Dor de corazón, déixasme asombrada.
M: Pero sería moito máis barato facelo noutro terreo e non ter que tirar o estanque e ter que enchelo de terra.
N: E enriba póñenlle o nome dos irmáns. Agora mesmo ao escoitarte paréceme un insulto.
A: Se non sabían o que facían eran uns ignorantes e se o sabían eran uns delincuentes.

   ·   Aprobouse a restauración da pasarela (no 2017), vivimos tres fases respecto á mesma.
1 Primeiro unha opinión boa xeral sobre a mesma ata que en marzo de 2017 vense abaixo o relevo do Estanque da Gruta.
2 Falan concello e arquitecto (Fernández-Albalat) que a diseñou, este indicou que se trataba de “parte del conjunto y uno de los símbolos de la parte moderna del parque” (ENLACE), isto levou a que se reformulasen mantela, curioso porque non se comunicara nunca unha opción diferente.
3 Finalmente, na mesma entrevista, fala dun cambio dos soportes da mesma: “ Independientemente de que más adelante se plantee la posibilidad de modificar los apoyos para evitar el contacto de una de las bases con el espacio histórico de El Pasatiempo.”
N: É evidente o mal estado da pasarela, perigoso incluso. Hai que arranxala ou eliminala. Pero nós non somos expertos sobre a materia, habería que facer caso aos informes técnicos que existan. Eu persoalmente querería eliminala, rompe a estética claramente e se é certo que dana o parque orixinal, como dis, pois máis razóns inda.
Gustaríanos tamén que fose accesible na medida do posible, que puidese incluírse no Betanzos inclusivo, unha das medidas que levamos no programa. Que calquera persoa puidese acceder á zona histórica sería o óptimo.

Fotografía do álbum persoal de Maite Peteiro

   ·   A pasarela agora mesmo non soluciona gran cousa nese aspecto, pensa que o seu desembarco faise nunha zona moi pequena con acceso ao resto do parque por catro escaleiras, o parque pola súa estruturación sería de todo inaccesible no seu conxunto. Dende a asociación tamén temos mirado este tema porque temos a mesma inquedanza que vós, sería xenial que todo o público puidese visitar todo o parque. Pero habería que estudar outras opcións.

  ·  As fotos antigas do Parque amósannos as terrazas superiores case libres de árbores. Actualmente a vexetación oculta moitos elementos, que pensades ao respecto.
N: Non temos pensado nese punto. A título persoal penso que na vida hai prioridades, se hai que protexer o patrimonio ten máis valor conservar o parque antes que unha especie ou outra.
O que me pide o corazón é conservar e recuperar o Pasatempo, pero isto é o que pensa Noelia.
A: Penso que o patrimonio ecolóxico de Betanzos está noutros puntos e non aquí.

  ·  É natural que certos técnicos acaden de novo responsabilidades nas obras de restauración? Nos 80/90 dirixindo un taller das polémicas e xulgadas escolas taller, dirixindo a Aula da natureza, en obras de mantemento, no famoso informe do 2016? Sempre a mesma persoa.
A: Eu creo que a resposta é sinxela: transparencia.
N: Paredes de cristal.
A: Contratación pública e democrática, todo ten que estar informado, uns pliegos claros que permitan que todos os técnicos interesados poidan acceder a unha contratación e que esta “salga do despacho”.

  ·  Cales serían os pasos que daría Podemos para restaurar e recuperalo Pasatempo?
N: O primeiro paso sería reunirnos con vós. Levamos no programa cousas que son obvias, tratar de conserva e manter o que hai, para facelo haberá que contratar persoal na medida do posible. Esixir ás administracións que axuden, non podemos seguir agardando, se isto ocorre dentro dun ano, vale, pero se tardan cinco igual xa non teremos moito que conservar. Pensamos en apartar unha partida anual, reflectila nos orzamentos e ir restaurando pouco a pouco zonas do parque. Buscar actividades de ocio que se poidan facer no entorno do parque, sempre sen agredir ao patrimonio, claro. Abrilo e cobrar entrada. Buscar no posible a autofinanciación. Que se ve que non chega a axuda de Deputación e Xunta e non podemos seguir esperando. Haberá que tramitar todo o necesario porque o concello solo non pode, pero inda que sexa pouco a pouco e a longo prazo, ir restaurando diferentes elementos.
A: Eu son músico e non entendo como tendo aquí o auditorio non se lle da uso. Financiación privada, crowdfunding, calquera fonte de ingreso virá tras darlle valor e uso ao que xa temos, a xente ten que ser consciente do que ten. A cidadanía sería máis esixente co Pasatempo se isto ocorre. Todo, claro, tras fiscalizar ao goberno e facéndoo todo con transparencia e co persoal máis preparado e cualificado.
N: Tamén concienciación, orientalo á infancia, con ela sempre ven o público adulto e non quedaría ninguén excluido. Eu son mestra e gústame levalo ao meu terreo. Temos que levar o Pasatempo aos centros da comarca, facer roteiros, actividades, o que sexa que dea a coñecer o Pasatempo, ademais de charlas culturais que dean a coñecer o parque e os Irmáns García Naveira, mesmo a razón pola que o parque está pechado, escápaselle a moita xente, sobre todo aos máis novos. Cando lle explicas aos nenos un problema e escoitas como reflexionan obtés cousas interesantes. Neste caso seguramente teriamos un parque mellor para a infancia.
M: Eu persoalmente entereime de que o parque estaba cerrado por vós. Iso di moito.

Fotografía do álbum persoal de Maite Peteiro

     ·   Como valora a xestión do goberno municipal na última lexislatura en todo o relacionado co Pasatempo?
N: Nefasto.
A: Incoparecencia.

N: E que non existiu, que fixeron? Non é que fixeran nada malo, pero é que non fixeron nada.
   ·   A limpeza das Castro Estacións e algunha cousiña máis.
N: En catro anos, si.

   ·   Vedes xustificado que se atope cerrado a día de hoxe? Permitirían a entrada salvagardando a zona do estanque como se fixo co derrubamento do 2017 noutro estanque? Está ben tapar no ano do 800 aniversario esta mala foto?
N: Se esta última fora a causa estamos en contra, se é por un problema de seguridade tería sentido. Pero se os motivos transcenden da seguridade das persoas ou do patrimonio, non ten xeito ningún que non se manteñan abertas as partes que si se poden visitar.

   ·   Credes que estamos sendo respectuosos co legado dos García Naveira?
N: Betanzos non, vós si.
A: Eu lanzo dous dardos ou rebento. Un ao PSOE coa celebración dos 800 anos, reivindicando a historia medieval, normal, facelo co Betanzos do último século tendo isto como o ten era moi difícil. O outro ao PP, sendo a candidata alguén que estivo dentro da Xunta dende onde non se fixo nada polo parque, e se permita esta campaña de camisetas cos García Naveira... Menos "slogans" e máis traballar. Se es capaz de que se che encha a boca falando deles fai dende antes algo, podería ter chegado dende a Xunta dicindo todo o que fixeron polo legado dos irmáns, pero non ten nada que dicir.
Nós non os podemos reivindicar inda porque non tivemos a oportunidade de facer cousas, cando as fagamos teremos o dereito, ou non, de reivindicar algo. Non debemos patrimonializar nada dende os partidos, e menos sen ter traballado polo seu legado.
   ·   Indicarvos que os irmáns tiveron relación co PSOE e formaron parte de partidos republicanos.

   ·   Coñecedes os proxectos urbanísticos El Pasatempo, García Naveira ou Dona Águeda?
N: Moitas cousas sabémolas pola prensa e polo que reclama a cidadanía. Nós non as recordamos. A arboleda preciosa das escolas, a casa de Dona Águeda, sen comentarios, atroz todo o que se fixo. Da mágoa ver que neste municipio tiñamos un patrimonio envexable e diferente, que podíamos ser algo máis que capital de comarca por todo o que había e deixouse morrer ou tirouse intencionadamente. Escápaseme a razón, comprendo que as necesidades do pasado serían outras.

   ·   Algunha cousa que teñades planeado e se nos escapase.
N: Unha idea vosa, manter o pícnic histórico, instauralo como a feira medieval.
A: Facelo máis institucionalizado e darlle máis importancia.
N: Formar e educar á cidadanía, deseñar actividades de ocio e tempo libre, aquí e nos barrios, para dar a coñecer o Pasatempo.
A: Hai varias asociacións en Betanzos, traballos pola súa conta que cun enfoque conxunto se potenciarían. Unha vez máis lévoo ao meu, concertos no Pasatempo, en Betanzos hai moitos grupos musicais que desexan tocar, poderíase axudar a financiar o parque; unir sinerxias, vaia, o mesmo con grupos de teatro.
N: Telo arranxado e potencialo para o tema das vodas, e non neste estado, incluso o parque dos nenos deixa moito que desexar.

   ·   Preguntamos porque seguimos sen respostas e somos xente curiosa: Sabedes quen mandou achicar o estanque do Retiro? Sabedes se dende o concello ou Patrimonio puxeron en marcha algún tipo de investigación?
N: Absolutamente nada. Toda a documentación do concello debería de ser accesible por toda
persoa do concello ou de fora que queira. Que hai que esconder?

Fotografía do álbum persoal de Maite Peteiro onde podemos ver o barco desaparecido no último desastre.

Gracias a Ángel por axudar coas preguntas, a CatuOscarLucía Noelia polas correcións.
NoeliaAdrián e Maite pola amabilidade, pola paciencia e por querer escoitar as nosas propostas.

No hay comentarios:

Publicar un comentario