viernes, 24 de mayo de 2019

Entrevista - campaña electoral IV - candidatura Ciudadanos

   A cuarta entrevista ten como protagonista ao líder de Ciudadanos en Betanzos. Coñecín a Javier de la Fuente fai pouco, quedamos no bar ubicado nos baixos da Casa de Don Juan, na Antiga praza do Campo, inmellorable lugar tendo pechado o Pasatempo e chispeando fóra. Foi, ademáis do que veredes transcrito a continuación, unha toma de contacto entre a nosa asociación e un dos partidos emerxentes que podería facilitar un futuro goberno autonómico. Pero centrémonos no agora, vexamos que nos conta Javier sobre as futuras eleccións e o pasado recente do noso xardín escultórico favorito.



  ·   Cal é o teu primeiro recordo do Pasatempo?
J: É un recordo moi vago, con sete ou oito anos, estou a falar de comezos dos 70 e a verdade e que naquel tempo aquilo era unha selva e de feito era case totalmente descoñecido para a maioría de nós.     

   ·   Fai canto que non vas a visitalo?
J: O ano pasado, facía anos que non o pisaba.  A visita foi motivada porque dende a dirección de Ciudadanos  tiñan que elevar propostas  para os presupostos do Estado e estaban interesados  en propoñer algunha partida para o Parque.  Eu xa levaba oito anos desconectado da vida municipal e non estaba capacitado para indicarlle as prioridades. Sorprendeume  o interese e valor que lle deu a persoa coa que falei e o estado lamentable co que me atopei.  


Arquivo da Asociación das Amigas do Pasatempo

   ·   Sabes que é este muro?
     J: Ese muro era o peche do Parque coa parcela do Ministerio de Agricultura sobre o que se constrúe o Polideportivo, a parcela chegaba ate a actual Avd. Fraga Iribarne.

Arquivo da Asociación das Amigas do Pasatempo


   ·   E este outro?
J: Non son un gran coñecedor do Parque e descoñezo a súa localización orixinal.
   ·   Parte da antiga Casa dos Espellos polo que sabemos.

Fotografía de Loty

  ·  Logo, na parte baixa temos resistindo tamén á fonte das Catro Estacións e á Caridade, en torno a ambas había un auténtico bosque. O contraste co secarral actual é terrible.

   ·   Que opinión tedes das políticas levadas a cabo no parque dende que é propiedade municipal?
J: Está claro que en 1986 a vontade política  dos gobernos de entonces non eran preservar o Parque na súa integridade. A pesares de que no 1981 se lle deu a consideración de Xardín artístico, co cal calquera actuación no mesmo precisaría un permiso do Ministerio de Cultura.
O Goberno do PSOE  sacrificou boa parte do Parque para dispoñer deses terreos para outros equipamentos e o certo é que non tivo contestación social.
A parte que si conservaron ofrece moitos motivos para opinar. A min persoalmente me chamou a atención que a metade do orzamento o levase unha pasarela  que nin era orixinal, nin necesaria na súa dimensión, nin persoalmente a considero estética. 

  ·  Que opinión vos merece a demolición do estanque dos Papas?
J: Iso é parte do que me refería na pregunta anterior. Dende logo si que me consta que non houbo toda a luz necesaria sobre o asunto e si moita velocidade. Descoñezo si se solicitaron os permisos de Cultura ou Patrimonio.  O certo é que hoxe temos enriba o Estadio de futbol e a pista de ciclismo.

  ·  No expediente do BIC ábrense as portas a excavacións arqueolóxicas na zona baixa do Parque, é algo que non se contemplará no proxecto de restauración no que se está a traballar, como contemplades traballos deste tipo?
J: Entendo que cando a Consellería resolva o BIC definirá todos eses parámetros. As escavacións no entorno das Catro Estacións  parecen bastante máis realizables que o outro.

   ·   Aprobouse a restauración da pasarela (no 2017), vivimos tres fases respecto á mesma.
1 Primeiro unha opinión boa xeral sobre a mesma ata que en marzo de 2017 vense abaixo o relevo do Estanque da Gruta.
2 Falan concello e arquitecto (Fernández-Albalat) que a diseñou, este indicou que se trataba de “parte del conjunto y uno de los símbolos de la parte moderna del parque” (ENLACE), isto levou a que se reformulasen mantela, curioso porque non se comunicara nunca unha opción diferente.
3 Finalmente, na mesma entrevista, fala dun cambio dos soportes da mesma: “ Independientemente de que más adelante se plantee la posibilidad de modificar los apoyos para evitar el contacto de una de las bases con el espacio histórico de El Pasatiempo.”
J: Para min é un elemento que sobra no parque, e que aínda encima te come recursos para o seu mantemento. Creo que se poden buscar outras solucións para comunicar as dúas zonas. Dende logo non a considero un elemento icónico.


   · Creen que o arquitecto encargado de xestar este elemento sumamente agresivo, como indica o informe do BIC realizado por técnicos de patrimonio, iba a tirar pedras en contra do seu propio tellado?

J: Evidentemente el é parte, de todos modos podo entender que haxa diferentes opinións, aínda que coñezo a moi poucos que a defendan.

   · Como se explica que sexa prioritario arranxar este elemento dos 90 e non os históricos de máis de 100 anos de historia?
J: É pouco explicable.



  ·  As fotos antigas do Parque amósannos as terrazas superiores case libres de árbores. Actualmente a vexetación oculta moitos elementos, que pensades ao respecto.
J: Descoñezo  cal foi o obxectivo desa ornamentación e si é o mellor para conservar e lucir o parque en todo o seu esplendor.  Eu non pecho a porta a que a recuperación sexa exactamente fiel a súa orixe, pero é obrigado que non se desvirtúe a súa esencia.

  ·  É natural que certos técnicos acaden de novo responsabilidades nas obras de restauración? Nos 80/90 dirixindo un taller das polémicas e xulgadas escolas taller, dirixindo a Aula da natureza, en obras de mantemento, no famoso informe do 2016? Sempre a mesma persoa.
JImaxino que o Goberno Local busca as persoas mais axeitadas para os obxectivos que perseguen.

   · Que propostas relativas ao Pasatempo presentáchedes na vosa anterior experiencia no concello?
J: O 2007, comezo da gran crise, foi unha época bastante convulsa e con fortes restricións económicas, onde houbo que afrontar, ademais, o pago das sentenzas de máis de dous millóns de euros, tamén pola sentenza da Escola taller de recuperación do Parque.

Nin o Parque tiña o nivel de deterioro que se aprecia hoxe, nin había unha economía que permitise esixir a atención que merece. Si recordo momentos en que por falta de persoal se pedía no turno de rogos e preguntas un maior esforzo de limpeza. E tamén recordo que eu xa mantiña entón o prescindible que vía a pasarela.

  ·  Cales serían os pasos que daría Ciudadanos para restaurar e recuperalo Pasatempo?
J: Vai a ser esencial a súa declaración como BIC:  A captación de recursos doutras administracións e de Europa, a súa protección, e sobre todo o seu recoñecemento xeral.
Considero que o Parque do Pasatempo e todo o patrimonio que temos nos queda moi grande con tan solo 12.000 habitantes para poder atendelo con recursos propios,  a colaboración será fundamental pero tamén temos que facer a nosa parte.



     ·   Como valora a xestión do goberno municipal na última lexislatura en todo o relacionado co Pasatempo?
J: Non estiven en primeira liña, pero dende fóra parece francamente mellorable.

   ·   Ves xustificado que se atope cerrado a día de hoxe? Permitirían a entrada salvagardando a zona do estanque como se fixo co derrubamento do 2017 noutro estanque? Está ben tapar no ano do 800 aniversario esta mala foto?
J: Penso que agora mesmo hai que ser prudentes e que os técnicos fagan as valoracións tanto de seguridade para o Parque como dos visitantes.

   ·   Cres que estamos sendo respectuosos co legado dos García Naveira?
J: Foron moi grandes e nós demasiado pequenos.

   ·   Coñecedes os proxectos urbanísticos El Pasatempo, García Naveira ou Dona Águeda?
J: Foron moi coñecidos e deron moito que falar

   ·   Algunha cousa que teñades planeado e se nos escapase.
J: O BIC ten que ser o catalizador.


   ·   Co teu pai na alcaldía fíxose o primeiro intento de acadar o BIC para o Pasatempo. Tardaríanse 36 anos en intentalo de novo. Que nos podes contar desta anomalía? Sabes a que se debeu o fracaso do primeiro intento?
J: Descoñezo por que a protección que se conseguiu entón non se materializou despois... quizá o traspaso de competencias do Ministerio de Cultura á Xunta... non sei.
O que si é claro é que había unha vontade política de protección de todo o que significaba o Parque, sendo propiedade privada entón.  Esa vontade política, como mínimo, mudou cando o Concello gobernado polo PSOE de entón adquiriu a prezo de saldo toda o Parque así como a liquidación por doazón da familia de toda a Fundación e as súas propiedades tanto aquí como en Argentina.

   ·   Que recordos tes do parque no teu entorno familiar, que relación tiveron teu pai e teu tío coa Horta de Don Juan.
J: Meu tío era un gran investigador e o meu recordo era velo entre arquivos, documentos, fotos, preguntando a veciños, recopilando... era a súa paixón e fixo o primeiro traballo que hai publicado sobre os Irmáns García Naveira na enciclopedia galega no 1979, un grandísimo traballo de recuperación da memoria xunto a outras persoas do Grupo Untia.

Meu pai tivo a sorte de telo o lado, pero no fondo a sorte tivémola todos porque agora contamos con cousas que naquel tempo parecían doutra galaxia como o Arquivo, o museo...

   ·   Preguntamos porque seguimos sen respostas e somos xente curiosa: Sabedes quen mandou achicar o estanque do Retiro? Sabedes se dende o concello ou Patrimonio puxeron en marcha algún tipo de investigación?
J: Descoñézoo.



Gracias a Ángel por axudar coas preguntas, a CatuOscarLucía Noelia polas correcións.
A Javier pola amabilidade, pola paciencia e por querer escoitar as nosas propostas.

No hay comentarios:

Publicar un comentario