miércoles, 22 de mayo de 2019

Entrevista - campaña electoral I - candidatura BNG

   O próximo 26 de maio terán lugar as eleccións municipais. Cremos necesario que o parque estea no debate electoral. A xente pode ver o lamentable estado do Pasatempo tras décadas e décadas de oportunidades perdidas. Gobernos de todas as cores pasaron por Xunta, Deputación e Concello, sendo a cor azul do PP no goberno autonómico, e a do PSOE no concello, as claramente predominantes nos xa 33 anos dun “Pasatempo público”. Como arredor do parque levan anos facéndose promesas incumpridas con inversións que nunca chegan, e é xa un auténtico orixe de polémica entre os partidos do bipartidismo (PP-PSOE), cremos necesario acercarvos a vós, e a nós, a xente da Asociación de Amigas do Parque do Pasatempo, unha información que non sairía nunca nos medios clásicos. Estas empresas, presas doutras cuestións, presas das obrigas que teñen cara a anunciantes (as administracións) e presas das presións que claramente lles aplican certas administracións e certos políticos, fan entrevistas que consideramos demasiado blandiñas, case son parte da propia campaña de cada partido, sen ánimo de molestar nin de querer afondar en temas espiñosos. Non pretendemos ser "Folloneros" nin "Anaspastores", non somos periodistas e esto será moi cutre e amateur, pero non queremos ser palmeiros de ninguén e facer as nosas propias preguntas.

   Para arrancar estas entrevistas púxenme en contacto con Noelia Pedreira (Podemos), Cecilia Vázquez (PP), Javier de la Fuente (Ciudadanos), Henrique del Río (BNG), Alberte Muiño (Betanzos en Común), Xosé Vales (Betanzos Novo) e co goberno municipal (o trato persoal do socio que levou a cabo as entrevistas coa xente do PSOE betanceiro é inexistente, en xeral as relacións da Asociación non pudieron ser moi boas debido a defensa do Pasatempo que sempre fixemos e faremos do parque) O PSOE non quixo atender á nosa solicitude. A resposta, máis dunha semana despois de tentar falar con eles, foi a seguinte:
“Buenas tardes, disculpe la demora. No consideramos participar en esta entrevista. Una de nuestras principales preocupaciones es que el parque se recupere y en ello estamos centrados. Un saludo y gracias.
(...) consideramos que el parque no se arregla ni con entrevistas, ni con fotos.”
Sobra añadir nada.

Sen máis, damos comezo a esta serie de entrevistas.
A primeira charla con xente das diferentes candidaturas á alcaldía a Betanzos tivo lugar no local do BNG, unha tarde chuviosa fainos non poder acercarnos ao Pasatempo, tal como pretendiamos. Henrique del Río e Amelia Sánchez, números un e dous da lista do Bloque respectivamente, axudarannos a coñecer mellor o parque e as propostas e accións presentes, pasadas e futuras para co parque levadas a cabo pola forza nacionalista.




  · Cal é o voso primeiro recordo do Pasatempo?
H: Pode que ir co meu pai a voar a cometa pola explanada que era xa a parte baixa do parque. Lembro os restos do muro da zona da entrada dos leóns, xa sen a verxa e tamén a imaxe da zona das terrazas, unha auténtica silveira.
A: Eu lembro o camiño á escola, cruzando entre as dúas zonas do parque e ver todo cuberto de silvas.

Henrique posando cos leóns da entrada principal do parque, lonxe do Carregal, en Covadonga, segunda e actual casa das estatuas de mármore.



Amelia dentro da gran gruta debaixo do León Colosal. Apoiada coa familia na árbore piar, unha das xoias arquitectónicas do Pasatempo.

  · Fai canto que non ides a visitalo?
H: Pois dende o ano pasado, antes do cerre, claro.
A: Si, eu tamén o ano pasado.

Arquivo da Asociación das Amigas do Pasatempo

  · Sabedes que é este muro?
H: Si, parte do cerre do parque na zona da Casa dos Espellos.
  · Sabiades que estaba aquí?
H: Si.


Arquivo da Asociación das Amigas do Pasatempo

  · E este outro fragmento de muro?
H: Si, tamén.
  · Sabiades que estaba aquí?
H: Si, ao lado dos restos do derrubamento do Estanque da Gruta.
  · Sabedes de que parte do parque é?
H: Pois é o que queda da Casa dos Espellos. Estes restos explican que foi o parque e como chegou ata onde está.
A: Tería que térselle dado sentido a esas pezas que están abandonadas fóra do seu lugar, intentar explicalas dentro do seu contexto.

  · E logo na parte baixa temos resistindo tamén a fonte das Catro Estacións e a Caridade, darredor de ámbalas dúas había un auténtico bosque. O contraste co secarral actual é terrible.
Fotografía de Loty


  · Que opinión tedes das políticas levadas a cabo no parque dende que é propiedade municipal? (ano 1986)
H: Ti tes que saber onde queres ir para chegar a algún lado. Fallou o proxecto para todo o que era o vello Pasatempo. O BNG estaba naquel momento na oposición e defendía que todo o Carregal debería de ser parque, aproveitar todos os vellos canais de auga, non reconstruír, que reconstruír non é rehabilitar, pero recuperar todo o parque, municipalizar o que quedaba. Pero era imposible porque había outro proxecto, drenar a cidade histórica e levar todo ao Carregal, dotacións e equipamentos comerciais. Claro, todo non colle, hai que escoller, e o que se fixo foi reducir o Pasatempo á mínima expresión como un parque urbano na ladeira por ser máis vistoso ou por non ter maneira de meterlle o dente. Eu non creo que fora un accidente, pero deliberadamente estragar patrimonio, non creo que ninguén o fixera. Ou non valorando ou non sabendo o que se tiña entre mans o proxecto foi moi claro. Mangar un polideportivo ao lado, tirar o estanque dos Papas e aplanar, a cidade xardín que se quería facer nesa zona, todo vai co modelo de cidade que se tiña, contraria a querer conservar o patrimonio.
  · Houbo algún cambio de plans urbanísticos posteriores á compra do parque no 86?
H: As normas subsidiarias son do 86.

  · Qué opinión vos merece a demolición do estanque dos Papas? No expediente do BIC ábrense as portas a excavacións arqueolóxicas na zona baixa do parque, é algo que non se contemplará no proxecto de restauración no que se está a traballar, como contemplades traballos deste tipo?
H: É moi fácil valoralo a día de hoxe, a toro pasado, incluso inxusto. Nós non o fariamos, sitio para facer un campo de fútbol había onde quixeras. Eu creo que non se lle daba valor, non se soubo entender probablemente o que era aquilo, non quero pensar que o fixeran con mala intención, pero facer fixérono, sen dúbida. Por sorte está a opción de abrir unha ventá arqueolóxica e “rescatar” parte do que poida quedar, xa propuxemos esta idea nunha moción e vai nas alegacións que presentamos no expediente de BIC ao igual que vinilar con fotos antigas da zona para axudar a explicar iso que habería na excavación e diluir ese aspecto de polígono industrial e uralitas que rodean a zona. 

  · O voso partido foi o único que non apoiou a restauración da pasarela (no 2017), vivimos tres fases respecto á mesma.
1 Primeiro unha opinión boa xeral sobre a mesma ata que en marzo de 2017 se vén abaixo o relevo do Estanque da Gruta.
2 Falan concello e arquitecto (Fernández-Albalat) que a diseñou, este indicou que se trataba de “parte del conjunto y uno de los símbolos de la parte moderna del parque” Ideal Gallego 7/1/2018 (ENLACE), isto levou a que se reformulasen mantela, curioso porque non se comunicara nunca unha opción diferente.
3 Finalmente, na mesma entrevista, falaron dun cambio dos soportes da mesma: “ Independientemente de que más adelante se plantee la posibilidad de modificar los apoyos para evitar el contacto de una de las bases con el espacio histórico de El Pasatiempo.”
Vemos claro que o rumbo é incerto e as decisións algo absurdas.
Ninguén pode crer que o arquitecto encargado de xestar este elemento sumamente agresivo, como indica o informe do BIC realizado por técnicos de patrimonio, ía tirar pedras en contra do seu propio tellado. O lóxico  sería consultar a outro técnico. Que outras propostas de soportes existen para ter aprobado a restauración de la pasarela?
H: O que foi a aprobación plenaria foi un proxecto de obra tal e como se solicitaba cos 216.000 euros longos para ese proxecto en concreto (ENLACE). Contiña un cambio de augas e cambio de chapas, pero non foi a pleno ningún modificativo. Se hai cambios ou non, nós non o sabemos, temos solicitada unha comisión para o Pasatempo, acabouse a lexislatura sen que se convocara, o mesmo coa comisión de patrimonio, pedimos documentación por activa, pasiva e perifrástica, e non se nos entrega. Hai incluso acordos plenarios solicitando información sobre as actividades que fixeron que caera o pedazo da illa do Estanque do Retiro e anteriores derrubamentos e nada. Nós sabemos este tipo de cousas por declaracións que dan á prensa, polo tanto non podemos dicir se existe ou non existe, sería irresponsable. Presumimos que non, porque se existise, a forza de insistir, acabaríannolo dando, pero é unha suposición.
  · Que recorrido ten isto, estando aprobado tense que executar?
Está aprobado o proxecto, poucos días antes de caer o fragmento do Estanque do Retiro (outubro de 2018) tiñan preparado o expediente para contratalo. Tamén, uns dous días antes, tiñan preparado todo para firmar o convenio coa Deputación (cuestión que leva saíndo na prensa dende finais do 2016) para empregar os cartos que a Deputación reservara e aprobara en marzo. Entrei fai pouco no perfil do contratante da web do concello e non estaba. Que percorrido ten? o goberno que entre pode desistir desa obra, nós desistiriamos. Hai urxencias moito máis perentorias, creo que esta actuación apróbase en decembro de 2017. Non ten sentido arranxar a vía de acceso a un parque cando parte deste corre risco de desaparecer e desapareceron, de feito, dende aquela.
Aínda que o noso voto (o BNG contaba cun concelleiro na anterior lexislatura) fose testemuñal, quixemos facelo en contra, nós cremos que a pasarela e a estrada son agresivos para o parque, no seu momento díxose que eran ocorrencias do señor del Río. (Apuntar que dende a nosa Asociación e no informe do BIC redactado por técnicos de patrimonio, apúntase nesas dúas mesmas direcións, así que dámonos por aludidos no de ocorrencias, frase que todos podedes oír nos plenos que o concello de Betanzos sube ao seu canal de Youtube)
Incluso as persoas que firman o famoso informe mutante, que foi proxecto e anteproxecto segundo conviña, tamén o deixa caer. (Informe técnico do 2016 redactado por  Xan Casabella, Xosé Díaz Vieites, José Crespí, María del Carmen Pérez e Marcelo Aguirre) Se de nós depende o Bloque non vai executar ese proxecto. Entendemos que a prioridade do parque é outra.

  · E que, como se explica que sexa prioritario arranxar este elemento dos anos 90 e non os orixinais de máis de 100 anos de historia?
A: É que non se explica.

  · As fotos antigas do parque amósannos as terrazas superiores case libres de árbores. Actualmente a vexetación oculta moitos elementos, que pensades ao respecto?
H: Por principios todo o que sexa falar de  cortar árbores xa me dá arrepíos, pero si que é certo que hai un ben maior, o patrimonio. Certas especies con raíces profundas non están no lugar adecuado. A idea do xardín dos continentes paréceme que foi boa, pero non o sitio elixido. Podía complementar a vis pedagóxica do parque, pero o principal é o patrimonio e ambos aspectos entran en conflito.

  · É natural que certos técnicos acaden de novo responsabilidadas nas obras de restauración? Nos 80/90 dirixindo un taller das polémicas e xulgadas escolas taller, dirixindo a Aula da natureza, en obras de mantemento, no famoso informe do 2016? Sempre a mesma persoa.
H: A responsabilidade é de quen o contrata. As contratacións de persoal público teñen que cinguirse a unha serie de normas, se contratas unha asistencia privada pode cortarse máis fácilmente o perfil, habería que estudiar o caso.

  · Que propostas presentaron a Pleno nas últimas décadas relativas ao Pasatempo?
H: Ao comezo xa o falamos, queriamos facer un parque sobre o antigo, consolidar o que había e crear un zona de esparcimento. Desde que eu son concelleiro fixemos cantidade de rogos e preguntas, iniciativas pedindo actuacións de conservación,  limpeza e demais. O último retirar esa estrada, a pasarela, non gastar cartos limitados nalgo que é perigoso para o parque. Un centro de interpretación do parque entendemos que é necesario, hai que explicar como nace, como se desenvolve, por que chega á situación actual, por que se rehabilita e como se rehabilita. Aproveitar a zona recuperada da estrada e da pasarela para recuperar os xardíns comedor e dormitorio. Ventás arqueolóxicas das que falamos. Axardinar toda a zona baixa e rotular graderíos do campo de fútbol e muros da zona, en resumo, integrar os elementos que perviven da zona baixa. Votamos en contra dun plan xeral que postergaba calquera decisión sobre o Pasatempo á ordenación urbanística do Carregal. Votamos en contra de dúas normas subsidiarias, no 86 e no 97, mellor dito, meus compañeiros, eu era un neno. Estas normas formulaban o ordenamento do Carregal que, como decía Bilardo: “acabó como acabó”. E é que o Pasatempo non pode estar supeditado a que fagas chalets unifamiliar ou pisos no Carregal.

Arquivo Municipal de Betanzos

  · Tamén, como comentabas antes, presentáchedes alegacións para o BIC.
H: Si, hai elementos que quixemos que se engadiran ao informe do BIC. Como os poremos en valor xa se verá, pero quixemos que se protexeran e incluíran no BIC.
E o acordo no Parlamento, por primeira vez en 30 anos conséguese unha declaración sobre unha cousa única coma o Pasatempo. O traballo na Deputación, con ese crédito que se conseguiu pero que non se solicita dende o concello para actuar. E é que non se tería feito nada sen a presión exercida por xente coma vós ou coa Deputación pedindo á Xunta que se lles deixe traballar co Concello para evitar que nada máis se veña abaixo.
E falando da Xunta, ten que mollarse, polas causas que queira, ten onde escoller, o parque é poliédrico, pero o concello tamén.
Para acabar, nós coa forza que tivemos estes catro anos pois puidemos actuar deste xeito.
  · Destacar que as vosas alegacións e as da nosa Asociación quixeron ampliar a protección en certos elementos, os outros partidos non presentaron salvo o PSOE, quen piden que se reduza a protección.
H: O concello, que é peor, non o PSOE, o concello. Volvemos ao que falamos fai un minuto, Betanzos é igual a patrimonio, que sexa a administración quen pida unha rebaixa no nivel de protección de algo tan único que mimado fai que non necesites ir a Fitur,  é que xa te veñen buscar.

  · Cales serían os pasos que daría o seu partido para restaurar e recuperar o Pasatempo?
H: Voltamos por onde empezamos, rumbo certo, que queremos facer. Nós temos claro que o patrimonio é o que nos fai singulares, é a oportunidade de desenvolvemento económico que ten Betanzos. A locomotora que nos porá a andar.
Hai que actuar no parque planificando, sabendo que temos entre mans. Desde a Deputación dinme que se está facendo aínda agora un inventario de todo o que hai, eu quedeime planchado cando o souben, que aínda estemos así... Temos que poñer en valor o parque cunha restauración respetuosa. Non valoras o que non coñeces, Betanzos ten que saber que ten ahí, é algo que nunca se fixo con honestidade dende o concello. Mimalo, coñecelo, e a partir de aí é cando podemos poñelo en valor e divulgalo. Pedagoxía cos veciños, que non vaian a facer botellón, ou a merendar, e deixen todo ciscado, que lles guste unha planta e a leven para casa, se che dá aquí (Henrique leva a man ao corazón) non o fas.

  · Como valora a xestión do goberno municipal na última lexislatura en todo o relacionado co Pasatempo?
A: Retroceso.
H: O mundo segue xirando e ao non actuar neste tempo o parque está peor que hai catro anos. Con pequenas medidas evítanse grandes males, topicazo de avoa case, pero é verdade.

  · Vedes xustificado que se atope cerrado a día de hoxe? Permitirían a entrada salvagardando a zona do estanque como fixo este mesmo goberno co derrubamento do 2017 no outro estanque?
H: Non temos información de como está o parque.
  · Víchedes as fotos que publicamos?
H: Vimos e asomamos a cabeza polo portalón, pero non temos información do concello que nos diga se é perigoso ou non que o parque sexa visitable. Non temos tampouco formación técnica para valoralo. Sen sabelo tampouco pedimos que se abra ou non.

  · Cre que estamos sendo respetuosos co legado dos García Naveira?
A: Non.
H: Nós temos un boletín que se facía nos 90, o primeiro boletín do Bloque, que xusto se chamaba O Pasatempo, unha viñeta de dous señores na estatua dos García Naveira onde se decía: “Aquí é onde se exerce a caridade e non a especulación”.


Fotografías tomadas da páxina de facebook do BNG


  · Coñecedes os proxectos urbanísticos El Pasatiempo, García Naveira ou Dona Águeda?
A: Non.
H: Supoño que un é o da Casa de Dona Águeda, o do Pasatempo é a cidade xardín famosa que logo se vendeu como vivendas sociais. 
A: O de Dona Águeda será o que hai encima da súa casa.
H: E o xardín, onde o Bananas.
A: E o García Naveira será o das escolas, claro.
H: Voltamos ao da viñeta.

  · Preguntamos por que seguimos sen respostas e somos xente curiosa: Sabedes quen mandou achicar o estanque do Retiro? Sabedes se dende o concello ou Patrimonio puxeron en marcha algún tipo de investigación?
H: Nós presentamos aquela moción de urxencia que ía ser un pleno extraordinario sobre o derrubamento, ao final fora continuar o pleno noutro exercicio de transparencia e goberno aberto. O que preguntas era unha das cuestións que pediamos, que actuacións se estaban realizando alí, a día de hoxe seguimos igual, presumimos o que se fixo, pero é unha hipótese...
A: Neste último pleno Diego volveu reiterar que contaban co permiso de Patrimonio e que todo se fixo conforme á legalidade, pero non dixo quen o mandou facer.



Gracias a Ángel por axudar coas preguntas, a Catu, Oscar, Lucía e Noelia polas correcións.
A Amelia e Henrique pola amabilidade, pola paciencia e pola infusión ;)

No hay comentarios:

Publicar un comentario