Terceira entrevista, nesta ocasión reunímonos con Hipólito Pérez, candidato á alcaldía por Betanzos Novo. Rencontrámonos cun dos políticos (e partidos) cos que durante os dous últimos anos puidemos colaborar, intercambiar opinións, información, proxectos... O perfil técnico e a experiencia laboral deste veciño da Madalena fíxonos obter un novo enfoque nas respostas dadas. Cada entrevista sérvenos para aprender e a miralo Parque dende distintas perspectivas á nosa. Estamos cheos de preguntas e de gañas de saber, así que imos a por outras tantas respostas.
· Cal é o teu primeiro recordo do Pasatempo?
H: Eu viña aquí de neno a xogar cando estaba totalmente abandonado e todavía existía a parte baixa. Teño un recordo moi bonito, era un sitio de xogos que nos gustaba moito. Eu vivía preto, na Madalena.
· Fai canto que non vas a visitalo?
H: Non sei, ao mellor un par de anos.
· Sabes que son estes muros?
H: Penso que era o muro de peche na zona da entrada do Parque.
Arquivo da Asociación das Amigas do Pasatempo
· E este outro fragmento de muro?
H: Non, este non o sei.
Arquivo da Asociación das Amigas do Pasatempo
· Sabias que este muro estaba aquí?
H: Si, pero non sei de onde é exactamente.
· O único resto da Casa dos Espellos polo que nos din. O exterior desta casa e da Taquilla era o mesmo, un protagonista doutra das nosas reclamacións.
Fotografía de Loty
· Logo, na parte baixa temos resistindo tamén á fonte das Catro Estacións e á Caridade, en torno a ambas había un auténtico bosque. O contraste co secarral actual é terrible.
H: Si, inicialmente por aquí pasaba o río. Cóntoche unha anécdota, a miña casa estaba por alí (sinala cara a Madalena), na parte de atrás cazábanse patos, do Carregal cara a N-VI era todo unha xunqueira, había moita vida acuática, moitos patos, a xente viña con reclamos a cazar, eu recordo ir a ver como cazaban.
Fuente de la Industria y el Progreso, el Trovador y la Pescadora.
Fotografía de Loty (Fuente: Galicia en la memoria - La Voz de Galicia)
· Que opinión tedes das políticas levadas a cabo no Parque dende que é propiedade municipal?
H: Daríache unha resposta moi larga, tentarei resumir. O modelo urbanístico que imperou durante coarenta anos. O Parque do Pasatempo tiña e ten uns valores extraordinarios, culturais, etnógraficos e artísticos, de todo tipo, e forma parte da identidade de varias xeneracións en Betanzos. Por iso se comeza a declaración de BIC, porque sobrepasa o ámbito local e mesmo galego. No 81 comézase o trámite, sendo patrimonio competencia do estado, chegando ao ámbito europeo. É indudable o valor económico, social, podería ter valor para o turismo, xerando emprego directo ou indirecto, pero ten outro valor do que non falamos porque ao mellor é tabú, o valor urbanísitco, o inmobiliario, que é moi alto. Comentei con varios arquitectos que era a mellor zona de crecemento da cidade: pola proximidade ao centro da cidade; á praza central; ao casco histórico; polas comunicacións, saes da cidade inmediatamente; pola orografía, unha zona plana nunha cidade chea de pendentes e costas por todos os lados; pola calidade ambiental; polo río; pola calidad cultural, paisaxística, de todo tipo; pola estrutura da propiedade, poucos propietarios, que tamén facilita a xestión, osea, esta era a peza máis cobizada da cidade. Dende o comezo xérase unha tensión, un conflicto entre os valores culturais, xerais, e os especulativos, privados, de certos propietarios, promotores, entidades que estaban detrás financiando esas operacións. E o concello optou por esta vía en vez de pola outra, foi un modelo de cidade moi basado na especulación inmobiliaria, no desarrollismo dos anos setenta que aquí chegou tarde, pero chegou desgraciadamente. Un desenrolo urbano incontrolado, eso foi o xermen desa tensión que segue latendo hoxe e o que levou á recalificación destes terreos. Todo o Parque era chan rústico cando non había planeamento, coas normas subsidiarias do 87 reclasificouse como chan urbanizable para facer máis de 190 vivendas. Execútase a urbanización que enterra a parte máis apetecible do Parque, que era a baixa, a outra con pendente e de máis difícil construción, que en vez dun ben patrimonial a defender era o Parque da urbanización. Esa operación polo que fora non saiu e edificáronse aqueles esqueletos de adosados que nunca se remataron. Iniciáronse modificación puntuais do planeamento para elevar o aproveitamento para facelos máis apetecibles, máis altura, máis número de vivendas, máis edificabilidade, un dos obstáculos foron varios informes negativos da Xunta, outro era o Pasatempo, vistas entre o parque e casco histórico, ámbito de protección, o parque foi sempre unha contradicción.
A causa de todo isto non foi desleixo, porque si, senon incompetencia, houbo un interés claro, houbo unha tensión entre dous intereses en conflicto. Naquel momento houbo unha asociación, ADELPHA, estaba detrás José Lendoiro, loitando polo Parque. Xa coa UCD comezaba a construción do polideportivo, eran as primeiras obras na zona, xa era meter presión con obras, eu penso que isto axudou a paralizar a declaración do BIC do 81. Ese escenario mudou co estalido da burbulla inmobialiaria e esto fracasou. As moficiacións puntuais chocaron contra o BIC e contra o río, agora eso mudou o escenario, a política tamén mudou, entramos forzas novas no concello, viñemos a poñer esto na axenda política, dímoslle unha nova perspectiva, xa non só criticamos o do Pasatempo, senón o modelo de cidade. Entramos no concello e non queremos este modelo de cidade, non é só problema do Pasatempo, non queremos o modelo de cidade que implica a degradación da Fábrica da Luz ou do Casco Vello, aínda hoxe o plan xeral quería volver crear unha cidade en Infesta, non queremos ese modelo.
No concello presentáronse moitas mocións, case todas acordadas por unanimidade. Ninguén é capaz de dicir que defende o indefendible e votan a favor, pero despois non cumpren nada. O problema é o que está debaixo. Aínda seguen tentando co PXOM que o Pasatempo non estropee esas operacións, pero na práctica hai que decidirse, esto querémolo para facer vivendas ou como zona dotacional. Incoherencia entre obxetivos e accións que se executan, tes que elixir.
Na diputación hai tamén contradicións, 700 000 € para empregar no Parque e ante o desleixo do concello queren comezar eles co permiso da Xunta certos traballos. Anunciábao o BNG e nós propuxemos en pleno que se firmase ese convenio entre Concello e Diputación e a Xunta xa se sumará se quere. Aí a Diputación vótase atrás, non se podía firmalo convenio, a Diputación simplemente ía colaborar co concello, dis aquí unha cousa e alí outra (BNG e PSOE gobernan xuntos a Diputación e no concello manteñen posturas claramente enfrontadas), voltamos a chocar coas contradicións. O mesmo digo da Xunta, reanuda o expediente do BIC, pero dende ese momento houbo un derrubamento e a Xunta non toma medidas, que ollo, o primeiro culpable é o concello, pero a Xunta polo menos terá que facer unhas actuacións de emerxencia, antes que pedir responsabilidades.
· Claro, doume por aludido. Nós pedimos rápido responsabilidades, pero hai que explicar de onde viñamos. Un ano antes do derrubamento pedimos nos orzamentos paticipativos que se arranxara o templete, fixemos un vídeo centrado no templete avisando da caída de anacos, tivemos unha reunión con María Barral e Diego (ambos concelleiros socialistas naquel momento) e avisamos que, como decía o informe que tiñan dende finais do 2016, xa estaban caendo anacos da illa do templete. Que fixeron? Metela xente de protección civil cunha bomba de achique, deixaron unha noite a bomba sen apuntalamento algún e caeu, tirárona, vaia.
H: Nós no 2016 apoiamos os orzamentos, ía entre as nosas solicitudes facer un proxecto de rehabilitación do Pasatempo, 100 ou 150 000 € para redactar o proxecto e fixeron esa parodia que ao final non serviu para nada. Era unha memoria valorada, unha tomadura de pelo. Nos seguintes orzamentos non votamos a favor porque ao final dalles igual todo e fan o que queren.
· Quero añadir que Ramón García (o anterior alcalde socialista) salía en prensa a finais do 2016 (ENLACE) declarando que xa tiñan un proxecto, o primeiro contacto que tivemos co teu partido foi unha mensaxe de Xosé Vales no que nos facía chegar unha solicitude para que se fixera público ese suposto proxecto, ata despois de caer o muro do Estanque da Recoleta (febreiro de 2017) o documento permaneceu “oculto”. En torno a 5, 6 meses.
· Que opinión vos merece a demolición do estanque dos Papas? No expediente do BIC ábrense as portas a excavacións arqueolóxicas na zona baixa do Parque, é algo que non se contemplará no proxecto de restauración no que se está a traballar, como contemplades traballos deste tipo?
H: Era todo parte do que acabo de explicar. A concepción de que a parte baixa era unha urbanización de vivendas. A forma de “entrar” foi colocando equipamento deportivo, público, con obras do concello, era maneira de xustificar que a posteriori se vise que non estaba mal facer vivendas nesa zona. Se iso o tirara un promotor para facer vivendas non se aceptaría. Sendo o concello para o campo de fútbol aceptouse.
Eu penso que todo forma parte do mismo.
· Betanzos Novo apiou a restauración da pasarela (no 2017), vivimos tres fases respecto á mesma.
1 Primeiro unha opinión boa xeral sobre a mesma ata que en marzo de 2017 vense abaixo o relevo do Estanque da Gruta.
2 Falan concello e arquitecto (Fernández-Albalat) que a diseñou, este indicou que se trataba de “parte del conjunto y uno de los símbolos de la parte moderna del parque” (ENLACE), isto levou a que se reformulasen mantela, curioso porque non se comunicara nunca unha opción diferente.
3 Finalmente, na mesma entrevista, fala dun cambio dos soportes da mesma: “ Independientemente de que más adelante se plantee la posibilidad de modificar los apoyos para evitar el contacto de una de las bases con el espacio histórico de El Pasatiempo.”
H: O concello non ampliou información tras aprobarse en pleno ese orzamento. Non sabemos moito, a transparencia con este goberno non foi moita. Incluso déronse pasos atrás, no propio portal desaparecen a propia normativa de transparencia ou os orzamentos.
· Incluso o informe famoso do 2016, agora hai un documento incompleto do mesmo.
H: Arrepentíronse da transparencia.
Voltando ao da pasarela, eu non son técnico, non sei cal é a solución técnica. As solucións técnicas corresponden aos técnicos, non aos políticos. A pasarela está en pésimo estado e debe retirarse ou reformarse para garantir a seguridade. O goberno optou pola reforma coa financiación da Deputación. Os grupos da oposición só tiñamos a opción de aprobar a subvención provincial ou decir que non e deixar a pasarela en estado pésimo. A maioría optamos por esa opción e o BNG votou en contra. A Deputación anuncia que vai actuar no Pasatempo ante a desidia municipal pero en lugar de facelo se limita a financiar a reforma da pasarela e a futura rehabilitación do Pasatempo. Hai dous discursos do BNG, un na Deputación e outro no concello. Agora ao ter a protección de BIC a actuación sobre a pasarela deberá ter autorización da Dirección Xeral de Patrimonio e a supervisión dos técnicos da Deputación Provincial (que financia e asiste técnicamente ao Concello) e dos técnicos municipais que deben de supervisar as obras. Pero non sabemos nada, repito.
· As fotos antigas do Parque amósannos as terrazas superiores case libres de árbores. Actualmente a vexetación oculta moitos elementos, que pensades ao respecto.
H: Repito que as cuestións técnicas terán que solucionalas técnicos, pero temos un criterio, a restauración debe de aproximarse á situación orixinal, sen reconstruir, sen refacer, conservar o que haxa, non recrear. Aí incluiríamos o tema das árbores.
· É natural que certos técnicos acaden de novo responsabilidades nas obras de restauración? Nos 80/90 dirixindo un taller das polémicas e xulgadas escolas taller, dirixindo a Aula da natureza, en obras de mantemento, no famoso informe do 2016? Sempre a mesma persoa.
H: Non sabía que todo eso se dera, pero se é certo o que dis, o concello debería de dar unha mínima explicación.
· Que propostas relativas ao Pasatempo presentáchedes a Pleno na última lexislatura?
H: Foron moitas e sempre aprobadas por unanimidade. Incumpridas todas. E algunha con tomadura de pelo como a do proxecto de restauración que non era tal proxecto (o famoso informe técnico de finais de 2016 do que falamos xa varias veces). No último pleno levamos de novo medidas de emerxencia, pero de novo fálannos do complexo que é o proxecto que están facendo, que se tarda moito (repetimos que agora só se está a traballar nun proxecto para o Estanque do Retiro cando a finais de 2016, o anterior alcalde, anunciaba en prensa o proxecto de restauración de todo o Parque)
· Cales serían os pasos que daría Betanzos Novo para restaurar e recuperalo Pasatempo?
H: No programa levamos varias medidas, a primeira é facer os traballos de emerxencia que resulten necesarios. Por exemplo, non pode estalo muro da Casa dos Espellos desprotexido, non pode destrozalo ou pintalo calquera. A segunda cousa é acabar coa presión urbanística, no PXOM ten que desaparecer ou quedar reducida á mínima expresión o tema das vivendas. Non pode seguir sendo unha peza golosa, todo se retrasa coa fin de construir aquí. Zonas verdes, aparcamento disuasorio de entrada na cidade, que na práctica xa existe, haberá que adecentalo dun xeito que se integre, cun chan de celosías que deixen medralo verde, por exemplo. Un proxecto de restauración e un plan de xestión, pediríamos que vós participedes e así aproveitalo traballo que tedes feito.
· Ve xustificado que o Parque se atope cerrado a día de hoxe? Permitirían a entrada salvaguardando a zona do estanque como xa se fixo co derrubamento do 2017 no outro estanque?
H: Hai perigo de que a alguén lle pase algo? entendo que non en todo o Parque. Debería de estar aberta polo menos unha parte e que esté pechada, ou vixiada, a zona dos traballos. Moita xente de fóra de Betanzos, ás veces de lonxe, ven e vaise sen poder ver nada. Non sei se responde máis a que o goberno municipal non quere que se coñeza o estado lamentable do Pasatempo.
· Que non me manchen a festa electoral do 800?
H: Exactamente eso, porque estaríamos vendo as fotos do Parque e pensando, pero como teñen eso?. Por certo unha ironía o da pancarta.
Imaxe tomada de La Opinión
Co parque pechado, o PSOE betanceiro empregou, un elevador, para colocar as pancartas electorais, feito que foi denunciado pola Asociación de Amigas do Pasatempo.
· Xa nin queremos preguntárvolo, xa pasamos, é irónico,
· Pensa que estamos a ser respetuosos co legado dos García Naveira
H: Non. Isto é responsabilidade de todos.
· Si, os vándalos son os primeiros culpables do estado do Parque.
H: E de quen deixa que entren no Parque e actúen, vai todo da man, non? Os cidadáns permitimos que se fixera todo esto e seguimos votando aos responsables.
Voltando ao de antes, ti falas de poñer árbores aí onda as Catro Estacións, pero os solares cercanos son para poñer edificacións, o propietario non che vai permitir plantalos. Mañá hai outro goberno distinto e non podemos denegar que constrúan nesas parcelas, hai que cambialo plan. Permíteno as normas de planeamento vixente. Nós queremos poñer no debate político o modelo de cidade, ademáis da fusión de municipios. A ver cantos van a alegar cando se expoña un plan novo, quererán baixo e 8 ou que se recupere a parte baixa do Parque? Nas alegacións os veciños piden sempre construir máis, non ter un Parque novo.
· Falando de alegacións, as do informe do BIC do PSOE piden que se reduza a protección.
H: Di moito. Eu non sei se realmente queren que se declare BIC ou non. Eu non poñería ningunha alegación. Está ben que a presentedes vós, pero se o concello pide que sexa BIC e logo queren que se reduza a protección. Non ten xustificación a alegación municipal.
· Coñeces os proxectos urbanísticos El Pasatiempo, García Naveira ou Dona Águeda?
H: Ou cambiamos o modelo de cidade ou nada, iremos cara a decadencia absoluta. Será unha cidade anódina como todas, destruimos todo o que nos singulariza. O das escolas, vaia espazo público no centro da cidade, e facemos esa pendiente para edificar mal e faise unha plaza sen xente.
· Preguntamos porque seguimos sen respostas e somos xente curiosa: Sabedes quen mandou achicar o estanque do Retiro? Sabedes se dende o concello ou Patrimonio puxeron en marcha algún tipo de investigación?
H: Non. Preguntámolo no pleno.
· Si, estivemos alí ese día varias socias.
H: Dá para pensar mal, alguén meteu a pata e non queren dicir quen.
Gracias a Ángel por axudar coas preguntas, a Catu, Oscar, Lucía e Noelia polas correcións.
A Hipólito pola amabilidade e pola paciencia.
No hay comentarios:
Publicar un comentario