sábado, 21 de julio de 2018

Balconadas 2018 "Espertemos"

   O noso compañeiro Dani non para de ter ideas para promocionar o Pasatempo; unha delas foi presentar unha proposta para o concurso de Balconadas de Betanzos. Aquí estamos, meses despois, podendo desfrutar, moi orgullosos, do resultado. Faremos unhas preguntiñas para coñecer mellor esta obra e a súa xestación de mans de tres dos socios que aportaron o seu tempo desinteresadamente, tres artistas inmensos. Preséntovos a DaniMar Yosu.



   ¿Como xorde a idea de presentar unha balconada?
   (Dani) Pois xorde da idea de facer do Pasatempo un lugar vivo culturalmente e participativo. Esa idea xa a tiñamos moitos membros da Asociación desde había uns meses, e seguímola tendo respecto a outras actividades futuras..., porque creo que un lugar tan máxico coma o Pasatempo necesita esa participación social para "revivilo". De feito, Estela, unha das socias, ten moi boas experiencias en murais comunitarios. E como vin que este ano cadraban as balconadas pois pensei que sería unha boa idea. Creo que a experiencia valeu a pena, a min sempre me quedará marcada


   ¿E de onde sae esa imaxe do león durminte cun fondo cheo de cor e de formas xeométricas?
   (Dani) Moi boa pregunta, un pouco psicodélico sinalou algunha xente, outra que naïf, outra que se adecuaba de maneira xenial coa Casa do Pobo de Don Jesús...
   O caso é que se pretendeu unha estética "ao Pasatempo". O león é un dos que estaban na porta de entrada ao parque esculpidos en mármore de Carrara e que son copia dos de Antonio Canova do Vaticano; a día de hoxe están en Covadonga, e por iso pensamos que á xente lle gustaría rememorar pezas que abandonaron o parque. Está dentro dunha trama de circuliños vermellos con raios flamíxeros que simbolizan o amencer, a hora do día na que o león vai "espertar" do seu sono de "esquecemento". A min esa parte encántame, porque é onde se ve máis claramente a multitude de mans que participaron. Logo hai un arquiño cun ciclo lunar, simbolizando a transición dunha aparente noite que simboliza ese esquecemento (unha marabillosa idea de Mar, mellor que a que había de colocar reloxos do Muro das Horas do Parque). Despois é todo unha trama de circuliños de varias tonalidades azuladas combinados con estrelas para simbolizar a noite que se deixa atrás, por iso están os triángulos con cores cálidas en formas enérxicas como liñas de forza futuristas ou que mesmo pode lembrar ao construtivismo ruso de El Lissitzki á vez que se referencian formas xeométricas masónicas, porque están a rachar como raios de esperanza á noite escura. O recurso da trama dos circuliños está baseado nunha ilustradora que nos encanta a varios membros da Asociación, a ucraniana Daria Hlazatova, é unha marabilla... Incluso hai algo de Van Gogh nalgunha estreliña alaranxada ou mesmo de pinceladas e cores dalgúns postimpresionistas. De todas formas, hai algunha sorpresiña agochada que foi produto tamén da improvisación e que cremos oportuno deixalo pola natureza da obra.
   En resumo, tratouse de facer un deseño fiel á estética do parque pero actual e moderno á vez.


Ilustración da GRANDE, INMENSA e INSPIRADORA Daria Hlazatova.

   ¿Sobre cantas horas de curro e días podería haber invertidas nesta obra?
   (Mar) Nos traballos creativos, e sobre todo nos que se saen de madre coma este, é difícil de estimar. Se empezas a contar dende o primeiro momento no que xurdiu a idea, pois calcula o tempo que lle levou a Dani facer os bocetos, a quedada na que debatimos se era viable e trazamos o plan de acción, a tarde dedicada a preparar a tela para pintar… E logo o proceso en si, que por suposto non se puido rematar nun día, como pensamos inxenuamente nun principio, e tivemos que regresar ata en dúas sesións máis. Na última fíxosenos tarde e houbo que trasladar todo para poder rematar (gracias ó señor que se ocupa de pechar o Parque tódolos días por agardar a que recolléramos e non deixarnos encerrados alí). Creo que ese día pintamos unhas 15 horas seguidas, pero non podo aseguralo porque chegados a certo punto pérdese a noción do tempo e só ves círculiños e triángulos.


  ¿Que nos poderiades decir tecnicamente do cadro para que a xente se sitúe?
   (Yosu) A técnica neste caso está supeditada ás circunstancias da execución. O que si tiñamos claro é que fose chamativa e colorida, e que a mensaxe fose directa e clara.
   Queriamos que a balconada fose unha obra colectiva, que non só participase a xente da asociación, se non toda persoa que quixese colaborar nese intre, visitantes ou curiosos. Sen dúbida a improvisación tivo un papel importante. 
   O significativo era que se notasen as diferentes formas de "facer", e que as mans de toda a xente estivesen reflectidas no resultado final.
   O deseño foi o máis planificado, pero sempre para poder traballar variacións baseadas nel.  Precisamente ese deseño tan milimétrico cheo de elementos e formas xeométricas, permitiunos amosar esa faceta grupal á que aspirabamos, xa que debido á súa perfección pódese apreciar con máis claridade a interacción de individuos diferentes.
   O relevante era o valor indéxico, o sentido de " pegada" que tan presente está dende a orixe da arte.
   Pensamos que o bonito deste traballo era que a obra nos levase a nós e que cobrase vida por si mesma, un espírito que ten moito que ver coa nosa relación co parque. 
   O Pasatempo ten vida por si mesmo. Penso que D. Juan García Naveira transmitiuno moi ben, por iso fai que conectemos con el e que á súa vez que teñamos un nexo de unión entre persoas de calquera tipo.
   Todo o mundo tivo cabida na balconada soubese pintar ou non. Con cada pincelada de cada colaborador/a, foi como se construiu algo mais alá de nós mesmas/os, sen ser pretenciosas/os có resultado final.


   Que parte lúdico festiva acompañou a este traballo?
   (Mar) Pois aparte de nós mesmos, que somos unha festa de xente, tivemos moita sorte cas persoas que se foron achegando. Sobre todo o primeiro día, que foi cando se convocara a actividade para pintar conxuntamente. Tivemos picnic, e ata unha foliada improvisada, ademáis de toda a xente que visitou o Parque ese día e que aínda que non souberan nada do tema se interesaron ó vernos aí e se animaron a aportar a súa pincelada. 
   Da parte do proceso que tivo lugar fóra do Parque, cabe outorgarlle unha mención especial a Radio Oleiros, que se ben ó principio non cunde moito, despois das primeiras dúas horas xa lle colles o punto.


   Ao igual que o parque, a vosa obra está chea de simboloxía, ¿podes guiarnos o ollo?
   (Dani) A simboloxía vén determinada desas solucións que dixen antes. En conxunto simboliza o espertar cultural do Pasatempo que está a ter paseniñamente  coa Asociación, xa que a mellor maneira de conservalo é usándoo con respecto desta maneira. É por iso polo que a tipografía da letra é un tanto "seria", porque o merece, pero con agrado e amor. A min sinceramente transmíteme dinamismo dentro da estaticidade que ten o león, e, sobre todo, esperanza para un futuro mellor para este lugar tan importante para a nosa memoria colectiva.

   ¿Como foi o proceso, tantas parellas de mans aportando non foi sinxelo de organizar?
   (Mar) Aquí estás dando por sentado que hai algún tipo de organización ou algo semellante. Nós chegamos cos bártulos e montamos o chiringuito, e deixamos que a xente se animara a participar. Algúns pedían directamente que os deixáramos pintar, a outros houbo que atraelos con cervexa, moitos non se atrevían ó principio e tivemos que comerlles a orella, e logo houbo xente coma Ángel ou coma ti que só viñeron a facer a foto de postureo/posverdá pero en realidade non fixeron nada.
   O único momento de complicación foi cando se nos xuntou moita xente (non esquezamos que participaron case 50 persoas). Non tiñamos pinceles para todos e varias persoas pintando simultaneamete facíao todo un pouco aparatoso, así que houbo que facer quendas, o cal en realidade veunos ben para non cansarnos moito.



   Ademais de amosar a túa faceta como artista plástica temos a sorte de ver unha obra audiovisual túa a modo de making-of. Pareceume unha pasada, chea de sorrisos e imaxes bonitas, amosando o que parece un grupo de amigos pasándoo ben.
   (Yosu) Moitas grazas. A verdade é que neste vídeo só quixen amosar o que desfrutamos facendo a balconada. Foi un proceso traballoso pero moi satisfactorio para todas/os. En realidade quedáronme moitas cousas por gravar, moitas anécdotas quedarán só na memoria porque deixeime levar pola vivencia e non lle fixen moito caso á cámara. Quedaron por rexistrar moitas persoas que se achegaron e participaron, teño que pedir desculpas jajaja. Gústame moito a pintura,  sempre é un pracer ver e colaborar na composición dunha obra e claro, pasou o que pasou.
   O vídeo simplemente é unha recopilación do proceso e de momentos simpáticos. Foi fácil transmitir felicidade, porque realmente o pasamos xenial. Pintura, música, baile, picnic e parque. Que máis se pode pedir?
   Eso si, para contratación o meu número é: 689...



   Para rematar, ¿que supón ter a obra exposta nunha edificación tan simbólica e históricamente clave para comprender aos irmáns García Naveira como é a Casa do Pobo?


   (Yosu) Foi unha sorpresa. Penso que é a mellor localización que podería ter. Ata a gama cromática vai acorde, parece feita para ese lugar.
   Poñendo a balconada na Casa do Pobo adquire un novo significado que supera a mera chamada de atención popular que pretendiamos. Cobra un sentido reivindicativo que non tiñamos planificado e que, por suposto, nos encanta.
   Non hai que esquecer que as construcións asociadas aos García Naveira teñen relación entre si, sobre todo nesa finalidade filantrópica e benefactora. E que mellor forma que reivindicar isto nun edificio que remite directamente aos irmáns?
   Creo que non debemos deixar á deriva todas estas obras de gran valor patrimonial, porque conectan directamente con valores sociais intrínsecos ao ser humano, e porque son puntos de unión entre todos nós, a xente do pasado e a do futuro. Aparte da importancia arquitectónica, claro.
   Por iso esta mensaxe clara: ESPERTEMOS.




Entrevista: Jose Souto
Corrección: Catuxa Lage


Mandámoslle unha mensaxe a  Daria Hlazatova e tivemos a sorte de obter resposta. Aquí vola deixamos, un encanto :D


2 comentarios:

  1. Para mí una gran sorpresa y más en A CASA DO POBO GRACIAS POR LAS EXPLICACIONES, UNA VEZ MAS OS DESEO LO MEJOR.

    ResponderEliminar
    Respuestas
    1. Nos encanta que alguien tenga inetrés por estas explicaciones Francisco, muy a menudo creo que lo que aquí escribo pueda, a vece, no interés a nadie. Un abrazote!!!!

      Eliminar