martes, 6 de junio de 2017

Entrevista - Rehabilitación da Fonte das catro Estacións (Xurxo Constela de A Citania, Xestión de Patrimonio Cultural)


   O 22 de xullo do 2016 podiamos ler unha nova que resumía a primeira experiencia de campos de traballo orientados a adecentar partes do Pasatempo. O estreno veu da man da Fonte das Cuatro Estacións. Podedes ler no blog una breve entrada na que tamén falaba do tema, ENLACE,  a verdade é que querería ter subido algo sobre o estado no que quedou a fonte, porque, o que é incuestionable é a calidade do resultado e que á Fonte se lle ampliou a vida cunha limpeza de 10.


http://www.elidealgallego.com/articulo/area-metropolitana/betanzos-y-xuventude-renuevan-y-ponen-dia-pionero-plan-empleo-garcia-naveira/20160721213228294206.html



   Hai uns días soubemos pola prensa que o noso parque favorito terá una nova campaña de campos de traballo e certas opinións volveron sair a flote:
   - Melloras importantísimas para o parque.
   - Unión de administracións gobernadas por forzas de diferente signo que tanto reclama o pobo.
   - Empleo de voluntarios para traballos que deberían de realizar profesionais.
   - Voluntarios que dende o momento que pagan poderían deixar de ser considerados como tal.



   Falamos con Xurxo Constela Doce, socio, arqueólogo e historiador da empresa A Citania, Xestión de Patrimonio Cultural, empresa encargada de levar adiante os traballos na Fonte das catro Estación en xuño de 2016. Profesional con case 30 anos de experiencia no sector, traballou no eido da arqueoloxía, a museoloxía e, en xeral, a investigación e a posta en valor do Patrimonio Cultural. Coido que sabendo as súas opinión podemos coñecer mellor a acción conxunta de Concello Dirección Xeral de Xuventude.
Xurxo trala descuberta do miliario da Ponte do Burgo de Pontevedra.




   Que traballos e servicios soedes facer en A Citania, foi este encargo no parque algo especial.
   A nosa experiencia na empresa A Citania a podedes ver na nosa web: acitania.com. A Citania é unha empresa fundada en 2007, a nosa experiencia abrangue todo tipo de traballos asociados co patrimonio cultural en todas as súas facetas e ámbitos: arqueoloxía; musealizacións e exposicións; estudos asociados co Patrimonio Histórico e Documental; planeamentos urbanísticos; peritaxes e informes de valoración de impacto de obras; restauración e consolidación...
   Nos últimos tempos temos participado na dirección de Campos de Traballo vinculados co patrimonio cultural sobre todo coa restauración, o que nos levou a que durante o ano 2016 fixéramos un obradoiro de restauración na Fonte das Catro Estacións do Pasatempo de Betanzos.



   Nunha conversa previa contábasme que eras un amante do parque dende fai tempo, cóntanos un pouco de onde ven ese cariño.
   Son orixinario de Ferrol, aínda que por avatares mudei a residencia ás Rías Baixas (Redondela na actualidade) gardo moitos vínculos sentimentais e recordos de Ferrolterra e Coruña en xeral. Durante a miña infancia e mocidade acudía coas miñas amizades a pasear polas ruínas do Pasatempo, saltábamos as tapias para acceder ao recinto e viviamos unha verdadeira aventura descubrindo entre a maleza os tesouros acochados. Gozábamos da emoción de movernos entre as ruínas descubrindo as esculturas, as replicas das cavernas e os monstros antediluvianos... unha verdadeira experiencia que se queda gravada na memoria de calquera adolescente.
   Con máis idade fun interesándome por todos eses elementos e obxectos que atopabamos entre a maleza descubrindo o mundo segrego dos irmáns García Naveira e os seu vínculos con Betanzos.


   ¿Cal é o cometido inicial da Dirección Xeral de Xuventude da Xunta e do Concello de Betanzos?
   Os Campos de Traballo tal como están planeados hoxe en día resultan unha experiencia moi boa para a socialización da mocidade, unha contorna laboral onde os rapaces e rapazas poden comunicarse e coñecer persoas chegadas dende outros países e lugares afastados, con perfís profesionais ou estudantís moi diversos, compartindo tarefas e obxectivos e compartindo unha experiencia que quedará viva tamén nas súas memorias.
   Un campo de traballo en Betanzos resultaba unha experiencia boa para atraer a xuventude ao Concello e participar nun traballo de restauración asociado co Pasatempo.

   ¿Faise realmente a rehabilitación ou restauración da que falaron os medios e a documentación oficial?
   Certamente os campos de traballo resultan moi publicitarios para dar a coñecer lugares como, neste caso, o Pasatempo. O traballo na Fonte das Catro Estacións valeu para dar a coñecer este ben, actualmente desgaxado do núcleo restaurado do Pasatempo.
   No noso caso, o obxectivo do Campo de Traballo era a limpeza da Fonte; o traballo voluntario non é como o traballo profesional, o alumnado participante do Campo de traballo non ofrece unha man de obra formada e profesional desexable para un caso de restauración, aínda que si para un de limpeza. Os rapaces e rapazas poñen moita vontade pero é un traballo puntual e moi intensivo durante un período curto e puntual de tempo. Fan un traballo que ten que completarse noutras campañas ou ben por unha empresa profesional.


   ¿Cres que as mozas e mozos participantes son adecuados para rehabilitar a fonte?
   Estamos neste intre na época da socialización do Patrimonio, as persoas queren saber o que se fai detrás dos muros das obras e, na medida do posible, queren participar nestas labores ata o momento destinadas a profesionais (sobre todo no caso da arqueoloxía que é unha actividade moi atraínte).
   Os Campos de Traballo son unha boa experiencia neste sentido, un espazo de socialización e coñecemento do patrimonio cara ao público máis novo participante; é así, pero este traballo non pode ser substituto do traballo profesional que da actividade e emprego a moitísimas persoas dentro do noso colectivo e perfil profesional.
   Ten que compatibilizarse un e outro, o voluntariado non pode vir a substituír o traballo profesional, que ademais está cada vez máis especializado, tanto no eido da historia, como no da arqueoloxía, como no da restauración.




O equipo de persoal voluntario e profesional durante o Campo de Traballo co Alcalde de Betanzos e a Directora Xeral de Xuventude.


   ¿E para facer os traballos de limpeza executados finalmente?
   Á vista está que a limpeza da fonte se fixo moi ben; evidenciou ademais unha diagnose do seu estado para o futuro.

   ¿Cal sería o perfil profesional que soe darse nas persoas que traballarían en traballos deste tipo sen a existencia destes “voluntarios”?
   Persoal asociado coa xestión do patrimonio cultural, ademais de licenciado ou diplomado en restauración, con coñecementos en tramitación e necesidades legais no eido do patrimonio, que coñezan ben os trámites e a lexislación que atinxe a este patrimonio así como as tramitacións e burocracia innata a estes traballos.

   A fonte, á vista está, quedou infinitamente mellor do que estaba, dinos que tratamentos , técnicas ou materiais se empregaron.
   Os traballos foron moi sinxelos, limitáronse á limpeza e o posterior selado de fendas e roturas puntuais.
   Tralo baleirado de auga do vaso principal da fonte procedeuse ao seu desentullo e retirado de lixo, lodos e da vexetación superior que habitaba a fonte.
Unha vez rematado este desaloxo botouse un biocida, rebaixado con auga, para matar as algas e liques, diminuíndo así a fricción propia da limpeza. E procedeuse á limpeza mediante auga e cepillos brandos, materiais e medios axeitados e autorizados pola Dirección Xeral de Patrimonio Cultural da Xunta de Galicia.
   Mediante esta limpeza coñeceuse o estado de conservación do selado da mesma e a existencia de zonas de fuga.
   Limpáronse os canos, recuperando os tránsitos de auga entre uns vasos e outros do conxunto.
Seláronse as xuntas taponando, na medida do posible, as afluencias de auga tanto por parte do nivel freático, como da fonte cara ao exterior, e recuperando a estrutura que rodea a base da fonte onde se localiza o estanque. Este selado realizouse mediante a aplicación de morteiros de cal hidráulica imitando a cor do cemento orixinal para disimular os desperfectos.
  
 
Fotos previas e posteriores á limpeza.

Fotos previas e posteriores á limpeza.


   ¿Poderías cuantificar dalgún modo os beneficios que obtivo a fonte con estes traballos?
   En primeiro lugar parece importante subliñar que se lle deu visibilidade á fonte, durante os traballos de limpeza, a expectación foi máxima achegándose ata ela numerosas persoas para preguntar polo elemento e contarnos a historia ou os recordos que tiñan sobre esta parte desaparecida do parque.
Consolidáronse as paredes do vaso e eliminouse a vexetación e liques que a cubrían. Seica é un traballo que semella incompleto e debería acometerse outra intervención máis ambiciosa de consolidación, que contemple o acondicionamento e axardinamento do seu contorno inmediato e arredores.


   ¿Pensabades ó comezo que a fonte estaría mellor ou peor do que realmente estaba?
   Cunha ollada víase o seu estado de conservación, o feito de que estivese chea de auga e afectada polas propias mareas e nivel freático amosaban as condicións do illamento do vaso. Asemade vese que desapareceron elementos decorativos e que outros presentan un estado moi avanzado de deterioro.
   Son os males das fábricas en cemento, eses materiais novos que os irmáns García Naveira querían amosar aos seus veciños e veciñas.


Estado da Fonte previo á limpeza

   ¿Vedes factible que se poida poñer a fonte en marcha algunha vez ou traería máis inconvenientes e problemas?
   É moi difícil e custoso poñer a fonte en funcionamento de novo, a presión e o fluxo da auga aplicada sobre o seu soporte pode resultar moi daniña para a súa estabilidade. Ten numerosas fendas e micro-fendas que habería que reencher mediante resinas para evitar que a auga circule a través delas. Ademais o sistema de tubaxes está colmatado e perdido, así como os motores e bombas aspersoras.
   A inversión sería moi elevada e non garantiría o resultado final.


   Contáronnos que permanece en certas zonas o recubrimento de mármol de carrara que tiña o fronte do antepeito da fonte.
   Efectivamente apareceron restos moi exiguos da mármore que recubría as paredes exteriores do vaso inferior, moi deteriorados e fragmentados. Ao desmontar un machón tirado polo efecto das raíces e recolocalo ao seu lugar de novo.
   Pero estes restos como digo son moi escasos, fragmentados e no aparecen xa pegados ao soporte.


   Recomendarías que se escavase ó redor da fonte deixando á vista todo o vaso da fonte e o terreo ó seu nivel orixinal para no crear esa estraña sensación dunha fonte enterrada?
   Completamente, a escavación arredor semella necesaria para a recuperación da fonte ao seu estado orixinario. Aínda que haberá que estudar o sistema e realizar unha previsión de desaloxo de auga e da limpeza deste “parterre”. A experiencia nos dita que se non hai unha previsión neste sentido o lixo e a auga poden acumularse facéndose máis prexudiciais ca no seu estado actual.
   Asemade son necesarias a urbanización, “humanización” (ese bonito eufemismo que está hoxe de moda entre os arquitectos e enxeñeiros municipais) e recuperación en xeral dos arredores.

   ¿Houbo algunha sorpresa máis durante os traballos, unha descuberta, algo inesperado?
   A maiores dos restos de mármore non houbo sorpresas nin descubertas subliñables, hai que considerar que a intervención foi moi pequena e curta no tempo e non se efectuou escavación nin retirada de terra arredor da fonte que podería dar lugar a achados nese sentido.

   Que recomendacións nos darías para mellorar o parque en xeral ou elementos en particular.
   Principiaría por unha definición legal da protección do propio Pasatempo. Na actualizade non ten unha clara protección legal, debería estar declarado Ben de Interese Cultural e hai que considerar que esta declaración faríase tamén sobre a Fonte e sobre a Escultura da Caridade que hoxe en día está afastadas e fora do recinto “restaurado” pero que forman parte intrínseca do monumento (testemuñas das súas dimensións históricas).
Esta declaración derivaría na necesidade de redactar un Plan Director ou, mellor, un Plan Especial de Protección, que marque as pautas e unha folla de ruta para os vindeiros anos de cara a recuperación e, máis importante, a súa explotación turística de xeito sostible. Un plan desenvolvido que contemple a viabilidade técnica e administrativa dun proxecto a longo prazo sobre o monumento; non vale un proxecto de restauración integral sen plan de xestión posterior, deberá ser un documento integral que contemple ademais custos (restauración, explotación, necesidades de persoal, modelos de xestión, etc.) e procedementos.
   Valoro moi positivamente a vontade da administración habilitando traballos puntuais de emerxencia sobre deterioros puntuais, pero considero que sen este documento marco todo van ser retais e parches... e veremos ao Pasatempo languidecer co paso do tempo como sucede na actualidade.


      

   Eu non teño por costume cortarme un pelo para opinar do relacionado co parque. Nesta ocasión gardei silencio conscientemente. O caso é que entendo perfectamente a ambos os dous posicionamentos. Quixen esperar a coñecer o parecer de Xurxo, un técnico experimentado que xa batallou en varias accións semellantes. Vexo que a súa posición é bastante semellante ós dous pareceres expostos antes, sen opoñerse a unha ou outra opinión, ambos extremos son perfectamente comprensibles e debemos camiñar cara una situación futura que tente unilos. A miña conclusión final é que se tata dunha acción boa para o parque, obviamente non é a mellor forma de arreglalo, pero polo menos suma e non resta como a desidia dos anos de gobernos do PSOE, PSOE-BNG e PP, nos que nada se fixo. Na situación de parón que vive o parque, esta actividade polo menos aporta e serve para, gran a gran, ir amañando parte do Pasatempo, a situación é tan grave que toda axudame parece moi benvida.
   Facédevos a vosa propia opinión tras ler a entrevista, como digo sempre, non fagades caso do alcalde, do conselleiro, a oposición ou dun blogueiro, creádevos a vosa propia opinión, a suma de moitas diferentes fará que o parque saia a flote. Seguir a uns ou a outros non serve de nada, menos borregos e máis mentes conscientes.

   Persoalmente a entrevista pareceume moi interesante e  aprendín moito. Agardo que vós tamén.


   Despídome dando ás gracias a Xurxo Constela e a Cecilia Vázquez por poñerme en contacto con Xurxo e pola explicación do proxecto dos Campos de Traballo, en especial do xa realizado na Fonte das catro Estacións. Tratar con xente amable e cercana que comparten a información e fan fácil este traballo é un placer.

Fotografía de Mara Otero Cruz


No hay comentarios:

Publicar un comentario