De onde xurde este libro?
Hai tempo que na Asociación de Amigas e Amigos do Parque do Pasatempo falamos de facer material relacionado co parque para nenos e nenas. Cando estaba aberto ao público fixemos actividades exclusivas para eles, pero por desgraza o noso amado xardín leva xa cinco anos pechado, toda unha vida para os cativos. O noso labor de inculcar o amor ao patrimonio e ao parque queda pois, bastante limitado.
Son ilustrador e levo seis anos dando clases de debuxo a nenos, foi tempo de recuperar o recordo dese ánimo e ilusión que lle imprimen a todo, coñecendo as modas e produtos que desfrutan agora mesmo nos videoxogos, animes ou películas. Con este contacto aquela idea foise transformando en necesidade. Aproveitando que dispuxen de tempo a finais de 2023, retomei este proxecto que levaba case dous anos parado nun caixón.
Que tipo de libro é As mulleres do "Pasatiempo"?
É un clásico caderno de debuxos feitos unicamente con líneas en negro e grises para que coloren os nenos. Para engadirlle interese decidín incluir textos que dun modo sinxelo lles poida explicar que simbolismo ten cada estatua, quen é esa deusa ou esa moza... e sobre todo, unha breve explicación de quen foi Juan García Naveira e que fixo pola xente de Betanzos. En resumo, tentei facer algo que resulte didáctico e que tente que os nenos sintan curiosidade e cariño por ese lugar que por desgracia non se pode visitar.
Que significa o título?
Moi simple, esas mulleres do "Pasatiempo" son as que poderedes colorear. Centreime nas que se representan en formigón, cemento ou fundición, as esculturas, vaia, non as mulleres que aparecen pintadas en azulexos, debuxar un debuxo é aburrido, trasladar o volume a dúas dimensións atraíame máis. Decidín centrarme nas figuras femininas deixando para o futuro un posible segundo libro as masculinas.
Seleccionei 30 esculturas sen apenas deixar ningunha fora, curiosamente cos homes tereino máis difícil, o machismo reflíctese ben no parque, malia que as mulleres representan na súa maioría a seres imaxinarios e alegorías, os homes representan a seres reais, reais e poderosos, chegan ao parque polos seus postos de poder, polo seu papel na Historia. Pensemos simplemente nos doce bustos de emperadores romanos, nos doce bustos dos primeiros presidentes da República Argentina ou nos máis de 250 de Papas, o parque reflexaba perfectamente a historia e a sociedade, as mulleres sempre invisibilizadas.
Dinlles un aspecto de nenas, modifiquei proporcións, grandes cabezas e mans, unha simple cuestión de gustos, e vestín ás figuras que non tiñan roupa con deseños de moda dos anos 20, chámalle autocensura, chámalle recato.
Decidín usar o nome do parque en castelán, así apareceu en polo menos catro lugares do parque que teñamos constancia, optei por esta forma para ser fiel á súa historia. Por contra quixen escribilo en galego por ser a lingua habitual dun grupo de catro socios que levamos xa seis anos investigamos compartindo case a diario a información que imos conseguindo.
Como podedes mercalo?
O libro venderase por 8€ (10€ se queres recibilo por correo), vendereino na miña libraría, Santé, na Avenida Casanova de Eirís 31 baixo, 15009 A Coruña.
Podes pedilo por whatsapp, telegram ou chamando ao 637 80 15 48, escribindo por correo electrónico a libreriasante@gmail.com ou mandando unha mensaxe por instagram a "libreriasante".
No hay comentarios:
Publicar un comentario