Otra vez os traigo un artículo encontrado en la web del Archivo de Betanzos. En esta ocasión no viajamos muy atrás en el tiempo, nos vamos a 1998, en aque año, Luis G Tosar escribió para el Libro de festas patronais San Roque uno de los numerosos artículos breves que existen sobre los hermanos García Naveira y el parque. Sirve para hacerse rápidamente una idea general de todo lo que abarcan ambos temas y no contiene errores como suele ocurrir.
A Arte do Pasatempo
Esoutro día, no programa «Galeguidade» da Televisión de Galicia, intentaron achegarnos á arte e á historia do Pasatempo, de aí esta miña reflexión de hoxe.
Juan María García Naveira naceu en Betanzos o 16 de maio de 1849. Con vinte anos emigra á Arxentina e establécese na provincia de Buenos Aires, en San Nicolás de los Arroyos. Alí recibirá ó seu irmán Jesús. Os García Naveira convértense en socios de distintas empresas e negocios que os levarán a prosperar económicamente, chegando a acadar unha importante fortuna e un gran prestixio social.
A partir de 1893, don Juan fixa definitivamente a súa residencia en Galicia, primeiro na Coruña e despois en Betanzos. Será a partir deste momento cando ámbolos dous irmáns comecen un encomiable labor filantrópico para co seu pobo natal. Fundacións comúns foron o Lavadeiro Público de As Cascas (1902) situado na ribeira esquerda do río Mendo, o Patronato Benéfico Docente «García Hermanos» (1908) que dará lugar á creación do Asilo (1912) e as Escolas «García Naveira» (1914). Jesús finou en 1911, nun accidente de circulación na Arxentina e o seu irmán Juan morrerá o nove de marzo de 1933. Ó grande labor humanista deste último compre engadirlle a súa obra máis persoal e ambiciosa: o parque do «Pasatiempo».
Á beira do río Mendo, nun terreo baixo de xunqueiras, brañas e hortas, situado entre a chamada Ponte do Carregal e As Cascas, o indiano ilustrado e de ideas avanzadas foi concebindo, pouco a pouco, o que sería a obra da súa vida. A finca era como un organismo vivo que ía medrando para quedar definitivamente configurada en 1914. O parque do Pasatempo foi o gran atractivo de Betanzos, e de Galicia enteira, nos comezos deste século. Xa daquela comezaron as primeiras reaccións ante unha obra que algúns consideraban «marabillosa» e que outros descalificaban dicindo que era producto do «mal gusto dun chiflado».
O «Pasatiempo» foi concebido por don Juan como un xardín de recreo, un recinto para o lecer e o disfrute dos sentidos. Ou sexa, un auténtico pasatempo. Incluiu no decoración moitos elementos autobiográficos, moitas ideas sacadas das súas viaxes, a súa estadía como emigrante na Arxentina, a propia ideoloxía republicana e liberal, a súa condición de católico e masón...
O parque ofrecía os seus numerosos releves e esculturas como leccións visuais. Non so nos numerosos paneis como o da Canle do Panamá, o dos transportes, o das comunicacións, o das Leccións de Historia Sagrada, o das relixións no mundo, o da xenealoxía do capital... Senón tamén clases prácticas de Historia natural, xa que todo o xardín era canto á natureza, coas súas numerosas especies de plantas, tanto autóctonas como exóticas, unidas ós animais vivos e ós releves de bichos feitos en cemento, decorados con cunchas e seixos.
Cómpre destacar o meritorio labor social que a construcción do parque representou no seu momento; chegou a ter douscentos obreiros que de doce a dúas recibían clases de instrucción primaria. Alí aprenderon a traballar en equipo, a realizaren labores de instalación e mantemento de xardíns e, especialmente, a trataren cos novos materiais de construcción, sobre todo o cemento.
Juan García Naveira pagou todo do seu peto e perpetuou simbólicamente a memoria da súa vida e da súa obra. De aí o monumento dos dous irmáns á entrada do parque, estatua que hoxe está na Praza do Campo, tamén o grupo escultórico que representaba ó indiano con un dos seus netos e que estaba situado no cumio do Pasatempo.
O «Pasatiempo» de Betanzos non foi un fenómeno da arte Kitsch, foi unha ensoñación onírica, unha obra maior da arte implantada polos aquí emigrantes.
No hay comentarios:
Publicar un comentario